Escoitar

Electromecánicos remodela o alumeado público no barrio de Canadelo Baixo

mércores, 13 mar 2002
A Concellería de Servicios Electromecánicos inicia a remodelación da iluminación pública no barrio de Canadelo Baixo consistente na mellora dos niveis de iluminación, reforzo das liñas de subministro de enerxía eléctrica, integración de centros de mando e melloras no centro de mando final.

Canadelo Baixo é un lugar situado no casco urbano cunha superficie de 32.500 m2 que quedou desatendido dende hai bastante tempo mentres, ao seu arredor, se construíron novas urbanizacións que melloran a calidade de vida dos seus habitantes ao dispoñeren duns servicios máis modernos que contrastan cos existentes no lugar onde se realizará a actuación de Servicios Electromecánicos.

O Concello mellorará toda a iluminación da zona coa corrección das caídas de tensión e a dotación de luminarias modernas que xeneran un maior rendemento e elevan o nivel de iluminación xunto a outro tipo de actuacións que melloran o entorno, como a construcción de beirarrúas e dotación de arborado e bancos.

A actuación afecta ás rúas e camiños de Canadelo Baixo, Callao e Eira e uns pequenos tramos de García Barbón e Isaac Peral, obtendo un resultado final acorde coas rúas que as rodean. O nivel das rúas afectadas é dunha luminancia media de 3´85 lux e pasarán, como mínimo a 9´09 lux, mellorando ao mesmo tempo a uniformidade, é dicir, evitarase o coñecido como ”efecto cebra”.

Ao mesmo tempo, a actuación permitirá amortizar unha parte do investimento realizado que é de 23.858´61 € (3.969.739 pesetas) mediante o aforro enerxético que implica a remodelación da instalación eléctrica.