Escoitar

Exposición sobre a figura de José Afonso no Verbum

O Verbum inaugura o martes día 5 de maio, unha exposición de fotografía e documentos sobre a figura de José Afonso. A expoción leva por título "Seremos muitos, seremos alguem. José Afonso, a voz da liberdade" poderesase visitar ata o 31 de maio. A mostra complementase con actividades como unha mesa redonda, un recital pético-musical e un concerto homenaxe.

luns, 4 mai 2009
1241436513carteljoseafonso.jpg
José Afonso é un dos cantores que deixou unha pegada máis fonda na historia da música popular e da cultura portuguesas. Tanto é así, que calquera persoa que se queira achegar a cada unha delas, por separado ou conxuntamente, ten que contar por forza coa súa figura. Doutra maneira, o seu labor non tería sentido ningún. É, pois, unha referencia esencial para estudar e comprender a música e a cultura portuguesas nos séculos XX e XXI. Alén diso, e xa pasados máis de vinte anos do seu pasamento, o legado poético e musical do Zeca segue vivo e plenamente aberto á renovación por parte das novas xeracións.
Mais José Afonso non só está presente e actuante no devir musical do país vecińo e irmán e do noso propio, senón que tamén a nivel persoal é lembrado e admirado pola súa vida exemplar de compromiso cos que sofren o peso da historia, isto é, os oprimidos, os desherdados da terra. Cunha personalidade ben marcada polo estigma da solidariedade e pola procura da liberdade e a xustiza social, dedicou o mellor da súa existencia a facer da revolución unha utopía realizábel e tanxíbel que agromase nunha sociedade igualitaria, sen restos de opresión e inxustizas, nunha cidade nova do ser humano-irmán, de "gente igual por dentro, gente igual por fora", como ben di unha das súas últimas cancións, testemuńo certo das súas angueiras.
Neses dous aspectos básicos, o musical e o de persoa entregada aos outros, é polos que José Afonso transcende as fronteiras do seu propio país de orixe e adquire un relevo universal.
A súa contribución á historia da música portuguesa, plasmada en máis de trinta anos de dedicación e en vinte e oito discos orixinais gravados, tamén é froito da súa propia evolución persoal como compositor e intérprete decote á procura da orixinalidade tanto nas formas musicais como nos textos. Ese desexo seu de crear algo novo percorre toda a súa obra e fai que todo o que toca se transforme en algo singular. O seu repertorio abrangue dende o inicial fado de Coimbra que desemboca na balada até a música tradicional e o canto de intervención. En todos estes xéneros musicais, pervive a ansia renovadora que marcou toda a súa traxectoria artística.

Actividades relacionadas
MESA REDONDA
Xoves 14 maio ás 20 h.
Participantes:
Alipio de Freitas, Ex-Presidente da Asociación José Afonso de Setúbal.
Henrique Marques, directivo e co-fundador da Asociación. José Afonso de Setúbal.
Francisco Fanhais, cantor e compañeiro de José Afonso en múltiples actividades.
Arturo Reguera, colaborador xunto con Benedicto nas primeiras actuacións de José Afonso na Galiza
(anos 70).
Presenta: Xico de Carinho, músico, socio da Asociación José Afonso dende a súa fundación e coordinador das actividades.

TRIBUTO A JOSÉ AFONSO
Recital poético-musical
Xoves, 21 de maio ás 20 h.
Participantes:
Poesía: Xosé María Álvarez Cáccamo, Mª Xosé Queizán, Manuel Forcadela, Adelaide Graça
Grupo"Colectivo José Afonso" con Na Virada, Ana Ribeiro (Portugal),Tino Baz e José Pumar,
interpretando cantigas do Zeca.

CONCERTO HOMENAGEM A JOSÉ AFONSO
Xoves, 28 maio ás 20 h.
Actuación de "COUPLE COFFEE" con Luanda Cozzeti (canto e percusión) e Norton Daniello (baixo
eléctrico).
Repertorio tirado do seu CD, "Com as tamanquinhas do Zeca".

Descargar todas as imaxes