Escoitar

Elena Maure salienta que os orzamentos do 2009 impulsan a recuperación do patrimonio histórico

A concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, salientou este xoves que os orzamentos do seu departamento para o 2009 apostan pola recuperación do patrimonio histórico vigués. Na presentación das contas para o vindeiro exercicio a edil nacionalista subliñou que os orzamentos inciden na "posta en valor do xacemento do Castro e na mellora do xardín histórico de Castrelos".

xoves, 13 nov 2008
1226584162Orz.JPG
"Nos orzamentos de Patrimonio Histórico para o 2009 inclúense partidas novidosas coas que queremos apostar pola recuperación do patrimonio da cidade", subliñou a concelleira do BNG. Así, respecto ao xacemento do Castro, explicou que nas vindeiras semanas disporase do proxecto de musealización, que permitirá a súa recuperción e apertura ao público como aconteceu este mesmo ano coa vila romana de Toralla. En canto ao mantemento e posta en valor dos xardíns históricos de Castrelos, indicou que está contemplada unha partida de 375.000 euros.

Elena Maure salientou que no orzamento do Museo de Castrelos, que ascende a 849.481 euros, as partidas destinadas a seguridade e seguros experimentan un notable ascenso, debido á revaloración das coleccións de arte e de arqueoloxía do museo. "Era preciso renovar os seguros e consideramos necesario actualizar a valoración das obras de arte", explicou a concelleira, ao tempo que sinalou que do mesmo xeito que se incrementan as pólizas, "tamén aumentan as indemnizacións no caso de que pase algo". A última valoración que se fixera da colección de arte fixara o seu valor en 6 millóns de euros, e tras o novo traballo constatouse que neste anos prácticamente dobrouno, xa que está estimada en 11,5 millóns de euros. As pezas máis importantes son dous "Goyas", o óleo en táboa "A misa de parida" (262.953 euros) e o óleo sobre lenzo "Boceto do retrato ecuestre de Carlos IV" (225.388 euros). A obra "Habitación de vello mariño" de Lugrís, sitúase tamén entre as pezas máis valiosas do museo (200.000 euros).

Para o Museo de Castrelos tamén se incorpora unha partida para continuar coas bolsas de prácticas iniciadas este ano (dúas de arqueoloxía, unha de arte e unha de didáctica), que permiten levar a cabo o inventariado e catalogación das coleccións, así como incrementar o programa divulgativo do museo. Igualmente figuran partidas para continuar coas "actividades habituais" do museo, entre as que destacan as exposicións propias, como a que se está preparando sobre Lugrís, xa que este ano é o centenario do seu nacemento, e as mostras temporais e actividades musicais e de teatro que se están a desenvolver.

Por outra banda, a edil nacionalista explicou que nos orzamentos da Concellería de Patrimonio Histórico se inclúen tamén os de Cascos Históricos, que supoñen un investimento directo no Casco Vello de 2.400.000 euros, así como unha partida para o seu mantemento de 255.000 euros. Patrimonio Histórico, en convenio co Consorcio do Casco Vello ten un programa de axudas á rehabilitación de fachadas e cubertas no Casco Vello que para o 2009 ascende a 135.000 euros. No 2008, este programa estendeuse ao casco histórico de Bouzas, "que por primeira vez contou con este tipo de axudas", salientou Elena Maure, quen subliñou que dado o "grande éxito da convocatoria", no 2009 terá unha partida de 135.000 euros.

"Os orzamentos de Patrimonio Histórico manteñen o convenio co Museo Liste e as actividades do Centro de Artesanía Tradicional", sinalou a concelleira. Ademais, increméntanse as actividades do Centro de Divulgación Arqueolóxica Municipal, así como o seu material didáctico.
Descargar todas as imaxes