Escoitar

O concelleiro Xabier Alonso insta á Federación Galega de Fútbol a que aclare o futuro do campo de Coia

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, remitiu hoxe con carácter urxente unha carta ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, para coñecer a situación do campo federativo de Coia, proxectado, construído e xestionado pola propia federación desde hai 35 anos, e do que ao Concello chegaron noticias non oficiais sobre o seu posible peche.<br />

venres, 22 ago 2008
Na misiva, Alonso amosa a súa preocupación por esa posibilidade advertida por terceiros e insta á Federación Galega a que aclare o futuro dun estadio inaugurado en 1973 por dito organismo deportivo e que foi ideado como campo para os clubs modestos da cidade, labor coa que cumpriu ata agora. O concelleiro lembra a Meana que "a tempada está a piques de comezar" e solicita "resposta inmediata" da federación para que informe "dos plans que vostedes teñen" sobre o campo de Coia.

O edil de Deportes esixe á FGF que, se esta realmente pensou pechar o campo, "actúe con dilixencia e solvente calquera tipo de problema que xurda co estadio para que os clubs que na súa organización compiten non se vexan afectados".

Actualmente, Alerta, Casablanca e Balaídos xogan os seus partidos nun campo que ten alta ocupación os sábados e domingos e tamén durante a semana. O campo, que xestiona a federación, inaugurouse o 31 de maio de 1973 e ocupa unha superficie de 12.000 metros cadrados nunha zona que a concellería considera "estratéxica".