Escoitar

O Trofeo Cidade de Vigo disputarase o sábado entre o Celta e o Sparta de Rotterdam

O XXXVIII Trofeo Cidade de Vigo de fútbol dispútase este sábado 23 no estadio municipal de Balaídos ás 21.00 horas con Celta e Sparta de Róterdan en pugna pola tradicional "uve" característica que se entrega ao vencedor do torneo. Organizado polo Concello e patrocinado polo Corte Inglés e Coca Cola, o encontro supón a presentación de todas as fichaxes celestes ante a afección nunha tempada na que o Celta "debe recuperar o seu espazo deportivo en Primeira", asegurou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, na rolda de prensa celebrada na casa consistorial.

xoves, 21 ago 2008
1219323088trofeocelta.jpg
Alonso lembrou que tras a expectación habida na presentación do equipo, "a afección está ansiosa por ver ao novo Celta" que a el mesmo lle "ilusiona". O edil do BNG fixo fincapé en que esta tempada hai "bastantes xogadores galegos", que relacionou a continuación (Oubiña, Trashorras, Rubén, Abalo, Roberto Lago, Jonathan...), e afirmou que a parella Borja Oubiña-Roberto Trashorras no mediocampo "é do mellor de Segunda". O concelleiro de Deportes tamén se dirixiu aos novos xogadores para explicarlles o que significa o Celta, asegurando que é "representativo de toda a área metropolitana e de toda Galicia", e apostou por que o sábado véxase un bo partido: "O fútbol holandés ten calidade e é ameno para o espectador", dixo.

Carmen Avendaño, conselleira celeste, pola súa banda, recoñeceu que o Cidade de Vigo "ten unha historia e un aval moi importante", e confirmou a "ilusión e vontade" da SAD "para que remontemos" e o club volva a Primeira División. Expresou ademais o seu agradecemento ao Concello de Vigo e en especial a Xabier Alonso polo apoio para celebrar a competición.

O Trofeo Cidade de Vigo comezou a súa andaina no ano 1971 en formato de triangular (Celta, Panathinaikos e Pontevedra) e foi gañado, entre outros, polo Chelsea, Real Madrid, Benfica, Inter, Spartak de Moscova ou Cruzeiro, ademais de polo propio conxunto vigués. As entradas para o partido oscilan entre os 8 e os 25 euros para adultos. Para mañá venres, O Corte Inglés anunciou un acto de promoción do torneo na súa planta de Deportes (18.00) con xogadores do primeiro equipo vigués.

Á presentación acudiron representantes da sociedade anónima (o seu director xeral, Antonio Chaves, o seu director deportivo, Ramón Martínez; e a conselleira Carmen Avendaño, ademais de corpo técnico e varios xogadores do primeiro equipo) e dos patrocinadores.
1219323088trofeocelta.jpg
1219323103trofeos.jpg
Descargar todas as imaxes