Escoitar
Medio ambiente, sanidade e consumo

Bando limpeza terreos

venres, 25 xul 2008
Co fin de garantir as medidas de prevención e seguridade dos terreos e soares do término municipal de Vigo e, de xeito especial, no período estival, o Sr. Alcalde dispón o seguinte

BANDO

SOBRE A OBRIGA DE MANTER OS TERREOS E SOARES NAS DEBIDAS CONDICIÓNS DE LIMPEZA, E EVITAR ASÍ O RISCO DE INCENDIO


De conformidade co disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Arts. 9 e 199), na Ordenanza municipal de limpeza pública e tratamento de residuos sólidos urbanos (BOP nº 200, do 18.10.1994) e na restante normativa aplicable,

LÉMBRASE, aos propietarios de toda clase de terreos e soares, a súa obriga permanente de mantelos nas debidas condicións de limpeza, salubridade e ornato público, procedendo, de ser necesario, a limpalos de maleza, a retirar os residuos que se poidan atopar neles (lixo, entullos, etc.) e, en especial, os restos que supoñan un risco de incendio, como leñas, pólas, vexetación seca, cortizas ou materiais semellantes de fácil combustión, evitando así posibles danos para as persoas e os bens.

ADVÍRTESE de que o incumprimento desta obriga dará lugar á imposición das sancións pecuniarias previstas na Ordenanza municipal e que a negativa a atender as ordes de execución que con tal motivo se diten polo Concello levará consigo a imposición de multas coercitivas de 300 a 6.000 €, reiterables ata que se cumpra integramente o ordenado, ou a execución forzosa subsidiaria a custa do infractor.

Todo isto sen prexuízo de que se poidan esixir perante os Tribunais da orde penal as responsabilidades que procedan polo delito de desobediencia tipificado no artigo 556 do Código Penal.

PRÉGASE á cidadanía en xeral a maior colaboración no cumprimento das obrigas reseñadas neste Bando, cunha conduta responsable que contribúa a mellorar as condicións de limpeza, salubridade e ornato dos terreos e soares no noso municipio.