Escoitar
Alcaldía

Bando do día de Galicia

venres, 25 xul 2008
BANDO DIA DE GALICIA 2008

O 25 de Xullo, o día de Galicia é un día de festa para todos. Temos moito que celebrar xuntos.

Galicia goza do maior nivel de autogoberno que tivo nunca; sentímonos orgullosos da nosa identidade, de ser galegos e de convivir co resto dos pobos e países de España e temos un idioma propio que coidar e potenciar en plena harmonía co castelán sen necesidade de manifestos. Nin queremos nin podemos renunciar ao luxo de ter dúas linguas.

O camiño ata aquí non foi doado e queda moito por facer; actualizar o Estatuto de Autonomía, mellorar a financiación, facer unha sociedade máis xusta, equilibrada e paritaria; protexer a nosa paisaxe e evitar novos desastres urbanísticos, sobre todo na costa.
Galicia pode contar con Vigo, coma sempre. E iso que os vigueses e as viguesas sabemos ben que a nosa é unha cidade que tivo que facerse a si mesma, sen axudas de fóra, sen subvencións e sen privilexios; durante moitos anos as Administracións miraron cara a outros lados; agora tócanos a nós.

Vigo soubo crer en si mesma e ademáis foi sempre xenerosa como cando encheu as rúas para loitar pola autonomía de Galicia hai 30 anos ou tamén cando se movilizou para que Santiago fora a capital de todos fronte ao localismo doutros.

É unha cidade loitadora e rebelde, que parou coas súas mans o chapapote á entrada da ría e freou despois o lume dos incendios forestais. Unha sociedade inconformista e que fiscaliza gobernos e alcaldes sexan da cor que sexan.

Din que somos una cidade dura e correúda, ingobernable pero creo que o que somos é unha cidade real e leal; que non casa con ninguén.

Vigo foi construída case pedra a pedra por xente como os meus pais, unha viguesa da Corredoira e un galego do interior, de Melide que quedou en Vigo como puido ir a Bos Aires a principios dos anos 60 e que levantaron xuntos unha vida dende o traballo, o esforzo e a xenerosidade. O meu pai é un de tantos e tantos emigrantes de toda Galicia que fixeron de Vigo o seu novo fogar. Nunca olvidemos ese pasado agora que chegan aquí milleiros de inmigrantes fuxindo da fame e buscando unha vida mellor.

Para os que vivimos fóra, Vigo é o mar, é o naval, a ría e a Madroa; é Castrelos e as Cíes, o Calvario e Príncipe, Peinador e Samil; a ribeira e Citröen, Balaídos e Teis, Sampaio e Toralla, El Corte e San Roque; os luns ao sol e os fogos de Bouzas; Vigo é Ourense e a fronteira; o Cristo da Vitoria e as noites do Areal; Coia e o Berbes, o Lagares e a Gran Vía, o Castro e o Galiñeiro, a Herreria e o García Barbón.

Todo xunto e mesturado. Un caos case perfecto. Un Madrid ou unha Manhatan en pequeno á que se chega pola nosa Ponte de Rande. A cidade máis moderna, mestiza e cosmopolita de Galicia. E por riba, somos orixinais; agora, en plena crise, poñémonos a construír como tolos co novo plan xeral. Transformar unha cidade é un reto apaixonante. É obriga de todos facer un Vigo máis sostible e máis habitable. Fáganse as cousas a modo e con sentidiño.

Vigo é tamén unha cidade viva e rica en medios de comunicación. Radio Vigo, a emisora da SER na nosa cidade, fundada por Eugenio Gonzalez de Haz, un empresario vigués que tivo un soño e o cumpriu, forma parte xa para sempre da nosa historia. ¿ E que imos dicir do Faro os xornalistas vigueses ¿?. De nenos liámolo pensando que todos os xornais do mundo se chamaban Faros. Ter medios de comunicación fortes e solventes e xornalistas críticos co poder é fundamental para a saúde política e social dunha cidade.


Viguesas e vigueses: podemos gañar o futuro; temos que ser capaces de imaxinalo e collelo coas mans.
Para iso, procuramos políticos ambiciosos, que traballen xuntos e que nos convoquen a grandes proxectos; precisamos soños que unan aos cidadáns; iniciativas como a Universiada, a chegada do AVE, o novo porto, a pendente rehabilitación do Casco Vello, o auditorio, o pazo de congresos ou abrir por fin de verdade a cidade ao mar. Tamén é importante o que parece máis pequeno como a recuperación das parroquias e dos barrios. E necesitamos crer no Celta para que dentro dun ano cando nos xuntemos aquí de novo, esteamos de volta en Primeira.

Vigo séntese partícipe e protagonista deste proxecto en marcha que é Galicia; os vigueses sentimos o corazón, a forza, o empuxe e a imaxinación deste país. Vigo deulle todo a Galicia e cre chegada a súa hora.

Este bando foi redactado e leido por
D. Rodolfo Irago, Director de
Informativos de la Cadena SER.