Escoitar

As citas gastronómicas das Festas de Vigo arrancan esta fin de semana co enxalzamento do mexillón en Castrelos

O Casco Vello celebrará por primeira vez unha Mostra de Artesanía e Gastronomía do 8 ao 16 de agosto, nunha aposta por dinamizar o barrio e ofrecer un carácter popular a estas datas <br /> <br />

xoves, 24 xul 2008
1216915155Festas.JPG
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesús López, presentaron está mañá as citas gastronómicas da ampla programación das Festas de Verán de Vigo 2008, xunto cos seus respectivos responsables. O mexillón, a sardiña e o polbo estarán acompañados nesta ocasión pola primeira edición da Mostra e Artesanía e Gastronomía que se celebrará no Casco Vello do 8 ao 16 de agosto. Santi Domínguez sinalou estes dous elementos son fundamentais en calquera programación lúdica, primeiro "para que os cidadáns poidan visualizar o traballo que realizan os artesáns e porque a gastronomía forma parte de nosa propia historia" e "porque non hai outra máis rica que a galega".

Pola súa banda, o concelleiro nacionalista Xesús López convidou a todas as viguesas e os vigueses a participar nesta parte gastronómica que arranca este domingo día 27 de xullo coa celebración da Festa do Mexillón no Parque de Castrelos. Nesta cita gastronómica se servirán 4.000 quilos deste produto de mar acompañado de empanada. A festa dará comezo oficialmente ás 10 horas, malia que máis dun centenar de persoas pertencentes á organización xa estarán en Castrelos desde as 7 da mañá para preparar o mexillón. Ás 13 horas terá lugar a lectura do pregón e uns minutos máis tarde farase entrega do Mexillón de Ouro, que este ano será para a Editorial Galaxia. Os asistentes poderán facerse coas racións ata as 14.30 horas e gozar coa música de Peña Xuntanza e Fume do Caruso.




O día 2 de agosto o Monte de A Guía acollerá unha nova celebración das Festa da Sardiña, que este ano volverá a servir 1.500 quilos deste produto tan típico do verán e que poderá degustarse con 500 quilos de pan de millo. Ademais, na festa tamén se servirán tortillas, churrasco e empanada. A partir das 10 horas os asistentes poderán facerse coas súas racións de sardiña para gozar dunha mañá que porá a nota musical unha hora máis tarde co grupo de gaitas Amigos de A Guía. Ao redor das 13 horas entregarase a Sardiña de Ouro, que este ano será para a Asociación Freixeiro de Axuda oa Necesitado, AFAN. A música seguirá ao longo da xornada con diferentes grupos de baile, gaitas, pandereteiras e rematará xa de madrugada con verbena.

Pola súa banda, o enxalzamento do polbo terá lugar o vindeiro día 10 de agosto no Monte dos Pozos de Valadares a partires das 11 horas. A música e as actividades infantís ao logo da xornada acompañarán ás 1.600 racións de polbo que se servirán nesta celebración. O responsable da organización aproveitou para adiantar a vindeira celebración do II Certame de Escultura "Tecnoloxía e Arte", que reunirá a 7 escultores internacionais chegados de Alemaña, Turquía, Ucrania e Portugal e con obras que estarán expostas na Avenida de Campoamor ao carón do Parque Tecnolóxico de Valadares.

Finalmente, a Mostra de Artesanía e Gastronomía do Casco vello poderá visitarse do 8 ao 16 de agosto nos seus principais escenarios: Praza de Compostela, A Pedra e Praza da Princesas. Os visitantes asistirán a demostracións de artesáns de cestaría, tear forxa, sellería zoqueiro e olería de buño, palilleiras e instrumentos musicais entre outros. Ademais, a animación de rúa, con 20 grupos, estará presente ao longo das xornadas e durante todo o día. E todo isto acompañado pola mostra de diferentes produtos gastronómicos galegos de primeira calidade.



Descargar todas as imaxes