Escoitar

Exposición sobre o cambio climático

A Axencia da Enerxía de Vigo (Faimevi) en colaboración coa tenencia de Alcaldía presentan a exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" que se amosa na lonxa do Concello do 26 de marzo ó 4 de abril.

mércores, 26 mar 2008
1206536322cambioclimatico.jpg
Trátase dunha exposición itinerante producida polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), na que se analiza o fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están a formular para facelo fronte.

A mostra consta de 19 paneis con ilustracións e información, unha proxección audiovisual titulada "Cambio climático, ti tamén decides", e varios módulos interactivos (un módulo de emisión cero cunha pila de combustible de hidróxeno e outro para o cálculo de aforros no transporte).

Estará instalada en Vigo na Lonxa do Concello e poderase visitar dende o 26 de marzo ata o 4 de abril, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00, podendo concertar visitas guiadas no teléfono 986 443 476.

Con esta exposición preténdese concienciar os cidadáns neste tema que cada día adquire unha relevancia maior, de cara a poder levar un desenvolvemento sostible nas nosas actividades cotiás, neste caso o consumo de enerxía e todas as accións que podemos levar a cabo dun modo sinxelo, para reducir a dependencia dos combustibles fósiles, e fomentar o aforro e eficiencia enerxética, así como a divulgación das novas tecnoloxías verdes e respectuosas co medio ambiente.

O Concello, consciente deste problema a nivel global, ten unha Ordenanza Municipal de Enerxías Renovables e conta coa Axencia de Enerxía de Vigo para axudar e orientar os cidadáns nas súas inquietudes e dúbidas sobre enerxía e medio ambiente.
Descargar todas as imaxes