Escoitar

O ciclo "Vigo a Escena" continúa esta fin de semana con catro representacións en distintos puntos da cidade

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este venres a programación de teatro "Vigo a Escena" para o primeiro semestre do 2008, que continúa esta fin de semana con catro representacións en distintos puntos da cidade, como son o instituto Santa Irene, o Centro Cultural de Valladares, a Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos e a Asociación de Veciños San Xurxo de Saiáns, ademais das dúas funcións da programación estable de teatro municipal que terán lugar no Auditorio Municipal. Segundo o concelleiro nacionalista, que na presentación estivo acompañado polo responsable da programación de Artes Escénicas do Concello, Xerome Calero, deste xeito, a programación teatral organizada dende o Concello cumpre, o seu principal obxectivo de "descentralización cultural".

venres, 14 mar 2008
1205503862vigoaescena.jpg
"Unha das obrigas do Concello radica en facilitar o acceso de toda a cidadanía a todos os campos da actividade cultural", subliñou Xesus López, quen salientou que esta décima edición do "Vigo a Escena" presenta como novidade a "especial atención" adicada este ano ás compañías da cidade, co obxectivo de "facilitar que se coñeza o seu traballo e propiciar o seu recoñecemento". Por outra banda, o concelleiro de Cultura sinalou que pese a que o ciclo comezou o pasado 23 de febreiro en Cabral e continuou o 9 de marzo en Matamá, non se quixo facer un presentación nesas datas "para non interferir no proceso elitoral".

Fulano, Mengano e Citano, Aforo Teatro, Máscara Produccións e Títeres en Acción son as catro compañías que mañá subirán a diferentes escenarios da cidade. Fulano Mengano e Citano representará a súa obra "Arte" no Instituto Santa Irene ás 20.30 horas; Aforo Teatro, pola súa banda, interpretará o "Eloxio da Locura" no CC de Valladares ás 20 horas; a Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos acollerá ás 19.30 horas a representación "Asalto de cama" de Máscara Produccións; e a compañía Títeres en acción estará na Asociación de Veciños San Xurxo de Saiáns ás 18.30 horas representando a obra "Trastos vellos".

Ademais, o Auditorio Municipal acolle mañá, ás 21 horas, a segunda representación da obra "Sempre ao lonxe", interpretada pola compañía Mofa e Befa, no marco da programación estable de teatro para adultos para o primeiro semestre de 2008, posta en marcha tamén pola Concellería de Cultura. As entradas, de 5 euros, xa están a venda nas instalacións da Central de Espectáculos (na rúa Velázquez Moreno, número 26) e por internet na web www.centralespectaculos.com. Unha hora antes do comezo do espectáculo, se todavía quedasen entradas, poden mercarse na propia taquilla do Auditorio.

O responsable da programación de Artes Escénicas do Concello, Xerome Calero, na súa intervención sinalou que o que acontece esta fin de semana "é o exemplo do que se quere acadar dende a Concellería de Cultura, xa que considera que Vigo ten público suficiente "para encher todos os espectáculos que se propoñan" e as asociacións "teñen unhas instalacións marabillosas para acoller as artes escénicas".
Descargar todas as imaxes