Escoitar

O Concello inaugurou hoxe a nova piscina de Valadares, que se poderá utilizar gratuitamente ata o día 24 de marzo

A cidade de Vigo conta cunha nova instalación deportiva, coa inauguración este xoves da piscina ubicada na parroquia de Valladares, nun acto que contou coa participación do alcalde da cidade, Abel Caballero, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Esta nova infraestrutura terá xornadas de portas abertas e será de uso gratuito ata o luns 24 de marzo.

xoves, 13 mar 2008
1205416566piscina.jpg
Construida nunha superficie total do terreo de 20.764 metros cadrados o vaso da piscina é de 25 x 12,5 metros e conta con cinco "rúas", así como con taquillas para as persoas usuarias, dous vestiarios individuais para discapacitados, dous vestiarios de grupos, un vestiario de colectivos, unha sala de socorrista, unha sala de enfermeiría, dous vestiarios de monitores, dous aseos públicos e climatización. Xestionada pola empresa Gaia, a mesma que xa xestiona as outras tres piscinas municipais, será de uso gratuito ata o luns 24 de marzo. A partir de abril iniciarase a oferta de cursos, que se orientará en función da demanda. Os horarios de utilización da piscina son luns, mércores e venres, de 8 a 14 horas e de 16 a 22 horas; martes e xoves de 8 a 22:30 horas; sábado de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas; e domingo de 9 a 14 horas. Esta nova infraestrutura deportiva contou cun orzamento de 1.100.000 euros, que inclúe os últimos proxectos reformados que houbo que facer nos últimos meses para adaptar a instalación á normativa vixente.

O alcalde de Vigo na súa intervención salientou que a piscina e "un proxecto que iniciou a anterior Corporación e que rematou o goberno actual". Salientou que é unha mostra da "atención do goberno a Valladares". Manifestou o seu compromiso a atender as necesidades da parroquia, e neste sentido anunciou o próximo arranxo dos accesos á piscina e a construción dun novo parque infantil na zona.

Santi Domínguez, pola súa banda, expresou que o acto de hoxe é "unha satisfacción para todo o Goberno" e felicitou asimesmo ao Goberno anterior. "Hoxe se cumple unha vella demanda da veciñanza de Valladares, así como un dos compromisos do goberno en canto ao apoio ao mundo do deporte", sinalou o tenente de alcalde. Neste sentido subliñou a relevancia que ten para Vigo a súa elección polo Consejo Superior de Deporte como a cidade española candidata para acoller a Universiada no ano 2013. Indicou que este acontecemento fará máis doado que a cidade conte cunha piscina olímpica, aínda que afirmou que esta infraestrutura está xa contemplada no proxecto da Cidade do Deporte e que se "levará a cabo independentemente de que finalmente Vigo sexa a sede da Universiada posto que é unha infraestrutura absolutamente necesaria".

O tenente de alcalde anunciou tamén que antes de que remate o mes de marzo iniciarase a construción doutras dúas piscinas municipais, unha na Florida (A Miñoca) e outra en Lavadores (Barreiro).Nestes últimos meses se estivo traballando na adecuación do proxecto básico aprobado polo anterior Goberno municipal, co obxectivo de mellorar o uso funcional das instalacións, con especial incidencia nos aspectos de accesibilidade, e a ampliación da zona de vestiarios. Os proxectos contan xa con todos os informes favorables dos técnicos municipais.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, adiantou que o seu departamento xa está a levar a cabo as xestións pertinentes coa Federación Galega de Natación para crear o primeiro clube de natación sincronizada da cidade e subliñou a importancia de "crear unha forte base deportiva".
Descargar todas as imaxes