Escoitar

A exposición "Entre teas da Reconquista" inaugúrase mañá na Casa Galega da Cultura

No limiar do Casco Vello e ás portas da festa da Reconquista de Vigo, a Casa Galega da Cultura acolle dende mañá 13 de marzo e ata o vindeiro 6 de abril a exposición "Entre teas da Reconquista", integrada por pinturas do artista Xabier Lemos e traxes do obradoiro de Patricia González. A inauguración desta mostra, prevista ás 20 horas, enmárcase no conxunto de actos programados con motivo da festa Reconquista deste ano.

mércores, 12 mar 2008
1205331785Bailadores.jpg
A exposición, organizada pola Concellería de Cultura e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, amosa pezas protagonistas destas datas. No caso de Patricia González Iglesias, preséntanos as súas teas e traxes populares e tradicionais, que son auténticas obras de arte. Son panos, chalecos, puchas, refaixos, dengues, mantelos e algún que outro uniforme francés. Patricia González é, dende hai varios anos, profesora responsable do deseño e monitoraxe do curso de costura tradicional da Asociación de Veciños Casco Vello de Vigo, así como do asesoramento do vestiario, baseado en gravados da época, da representación da Festa da Reconquista da Vila de Vigo. Modista e deseñadora de moda, crea o seu propio taller de costura no ano 2000, onde deseña e confecciona artesanalmente traxes tradicionais galegos para distintas asociacións folclóricas e etnográficas; fundas para instrumentos tradicionais; traxes de gaitas, segundo patrón tradicional, para prestixiosos construtores; e roupa inspirada no traxe tradicional, para artistas como Uxía Pedreira ou Güadi Galego.

Posuidora de diversas distincións e seleccionada en varias ocasións entre os dez deseñadores noveis galegos participantes na Mostra de Novos Creadores de Moda, ten tamén participado en conferencias e exposicións. Asemade, é autora do deseño seleccionado no concurso de ideas para o uniforme oficial do persoal educador e coidador das Galescolas.

Mais son tamén teas, unha serie de catorce óleos, coas que o pintor Xavier Lemos Godoy amósanos unha idealizada e romántica estampa do Casco Vello e das súas xentes. Trátase de pinturas de máxica atmosfera e serea beleza coas que o espectador, sen dúbida, sentirase fondamente identificado. Despois de máis de catro décadas de apaixonada traxectoria artística, o pintor Xavier Lemos Godoy posúe un amplo dominio de diversas técnicas e estilos. Fillo de Angel Lemos e admirador de Dalí, contou con grandes mestres como Orozco ou o muralista Sequeiros, e coincidiu con senlleiras personalidades da pintura contemporánea, como Miró ou Miguel Barceló. Artista polifacético, amante dos grandes formatos, considerado pola crítica como un excelente retratista, na súa obra mestúranse con naturalidade os temas surrealistas e figurativos.

Nesta ocasión, e despois do seu monumental tríptico sobre a batalla de Rande, Xavier Lemos Godoy mergúllase unha vez máis na historia da cidade olívica para presentarnos unha espléndida serie de óleos adicados á Festa da Reconquista da Vila de Vigo. Lonxe dos recursos expresivos e narrativos da traxedia de Rande, mais igualmente romántica, esta serie amósasenos como unha idealizada estampa do Casco Vello e das súas xentes. Con pincelada áxil e decidida, e unha estudada paleta de cores cálidas e frías, o artista é quen de crear unha pintura de máxica atmosfera e serena beleza.

"Entre teas da Reconquista" pode visitarse ata o 6 de abril na Casa Galega da Cultura de luns a venres de 18 a 21.30 horas, os sábados de 11 a 14 horas e de 18 a 21.30 horas e os domingos e festivos de 11 a 14.00 horas.
Descargar todas as imaxes