Escoitar

O Concello promove unha campaña de divulgación do patrimonio arqueolóxico pioneira en Galicia

A Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo está a desenvolver un programa de divulgación e interpretación do patrimonio arqueolóxico, que segundo a concelleira Elena Maure, é unha "iniciativa cultural e didáctica pioneira en Galicia". Este programa inclúe actuacións dirixidas tanto aos centros educativos como ao público en xeral, dende obradoiros didácticos ata ciclos de formación para os docentes e a realización de materiais e recursos didácticos, entre outros.

xoves, 27 dec 2007
1198760581maletasdidacticas.jpg.jpg
Neste apartado destaca a elaboración dunha colección de tres maletas didácticas sobre diferentes horizontes cronolóxicos, a Prehistoria, a Cultura Castrexa e a Romanización. "É un paso importante dentro da estratexia do programa, xa que pretende e permite facilitar aos profesionais da educación un material orixinal, autónomo, polivalente, manipulable e adaptable a diferentes grados curriculares en relación coa investigación, coñecemento, experimentación e comprensión do noso legado arqueolóxico", explicou a concelleira.

As maletas, de formato lixeiro e manexábel, conteñen unha colección de réplicas dos obxectos arqueolóxicos máis importantes de cada unha das épocas as que se refiren, un CD con fotos, libros básicos de apoio e unha guía didáctica. O seu uso, limitado en principio a quince días, e gratuíto e para poder empregalo so é preciso cumprir un formulario de control.

Na súa intervención, Elena Maure salientou que este recurso pode ser combinado e ampliado en contidos e experiencias, con outros elementos do programa como é o Museo Arqueolóxico Itinerante e os obradoiros didácticos. En canto ao Museo Arqueolóxico Itinerante, ademais das réplicas dos obxectos arqueolóxicos, inclúe mobiliario plegable e paneis de lona enrollabeis. Os obradoiros didácticos, pola súa banda, comezaron a mediados deste mes de decembro no Museo Quiñones de León e están dirixidos ao público en xeral. Durante dúas horas de duración e ata fin de xaneiro, os interesados poden disfrutar coa organización de escavacións arqueolóxicas e experimentar aspectos da vida cotiá do período histórico tratado.

Para participar nestas actividades do Programa Municipal de Divulgación e Interpretación do Patrimonio Arqueolóxico é preciso poñerse en contacto co Centro Municipal de Divulgación Arqueoloxica (CEDAM), en Saiáns, mediante o teléfono 986 460 812.
Descargar todas as imaxes