Escoitar
Continúa na escalinata do Marco o ciclo de concertos de panxoliñas a cargo da coral UVCD de Candeán

A coral e a banda de música de Matamá protagonizan o ciclo de Concertos de Nadal do Auditorio Municipal

A actuación do día 28, do ciclo de Concertos de Nadal, a cargo das corais polifónicas e as bandas de música que se está a celebrar no Auditorio Municipal, terá como protagonista a Coral Polifónica da SCD Atlántida de Matamá e a Banda de Música de Matamá.

xoves, 27 dec 2007
A Sociedade Cultural Deportiva "Atlántida" de Matamá creou no ano 1983 unha sección adicada a impartir clases de solfeo, dirixida por Eusebio Guillermo Alonso Rodríguez. No ano 1990 faise cargo da mesma Enrique Lorenzo Vila, de xeito que comeza unha nova andaina inaugurada co concerto de presentación da Agrupación Musical "Atlántida" de Matamá en decembro do 1991. Esta actuación foi sucedida por diversas actividades e conciertos non só en Galicia, senón tamén en Cantabria, Valencia, Barcelona, Alicante e Portugal. A agrupación ten acadado numerosos premios e galardóns en diversos concursos e no mercado ten xa dúas grabacións discográficas e grabacións de concertos en directo en colaboración coa Radio Galega e a TVG.

O seu repertorio abarca todo tipo de xéneros musicais para a formación de banda de música, e ten realizado programas de ópera, zarzuela e música galega en colaboración coa Coral Polifónica "Atlántida" de Matamá. Tamén organiza Cursos de Especialización Musical dos diferentes instrumentos que forman a agrupación musical e dende 1998, o Festival de Bandas de Música de Matamá, que se celebra no mes de agosto e conta dende o seu inicio coa súa propia Escola de Música. Na actualidade está integrada por sesenta compoñentes e na Escola de Música fórmanse, ademais dos compoñentes, arrededor de setenta alumnos. O seu director é Enrique
Lorenzo Vila.

O programa que interpretará a Banda de Música inclúe os temas "Calabuig" so propio Enrique Lorenzo Vila; "Alma de Dios", de José Serrano; "Czardas", de V. Monti; "El caracol mi fa sol", de Ferrer Ferrán; e "Campás de Nadal"; mentres que a Coral Polifónica, dirixida por Lucas Alonso Pérez, interpretará "Entre lirios e azucenas", de A. López García; "El peregrino", de A. López García, "Ruada da Chamosa Popular"; "Te quiero", de M. Benedetti e A. Favero; "Suite comercial navideña"; "Festexo de Nadal", de H. Bittrich; "Cun sombreiro de palla", panxoliña popular galega; e "Esta noite nace o Neno", panxoliña tradicional galega. Xa as dúas agrupacións interpretarán "Onde estarán os nosos mozos?", de R. Soutullo; "Lagarteranas", de J. Guerrero; e "Alegría no mundo".

O ciclo rematará o día 29 co concerto da Coral Polifónica da AVV de Cabral e a Banda de Música Unión Musical de Cabral.

Continúa na escalinata do Marco o ciclo de concertos de panxoliñas a cargo da coral UVCD de Candeán

O ciclo de concertos de panxoliñas continúa mañá, día 28, ás 19 horas na escalinata do Marco, co concerto que ofrecerá a coral da UVCD de Candeán. Nesta ocasión, interpretarán os temas "Pado Nadal", unha panxoliña tradicional portuguesa; "Linda noite", unha panxoliña tradicional galega; "Para nâo ser triste", unha panxoliña popular do Brasil; "No pendello", panxoliña popular galega; a tradicional "Ai do chiquirritín"; e "Naranjitay", panxoliña popular de Rusia.

A coral da UVCD de Candeán foi fundada polo Centro Cultural de Candeán no ano 1976, baixo a batuta de Vicente Rodríguez Abeijón. Dende ese ano ten participado en numerosos concertos e festivais, destacando o concerto que deu no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, con Jean Michel Jarre, na súa primeira xira por España, os Festivais de Villancicos de Caixanova, ou primeiro Festival de Habaneras "Cidade de Vigo", celebrado este ano. Na actualidade está composta de 35 voces mixtas, e o seu director é Alberto Abal García.

As actuacións da coral da AACC Agarimo, o día 29, e e a coral da AVV Emilio Crespo de Navia, o día 30, completarán o programa do ciclo, que en caso de chuvia desenvolveráse no salón de actos do Marco.