Escoitar

Concello e Política Territorial estudan conxuntamente a mellora das comunicacións de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, e a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, mantiveron este venres no Concello un encontro no que trataron do desenvolvemento de proxectos relacionados coa mellora da accesibilidade e da mobilidade en Vigo e na súa área de influencia, como as autovías de Pontevedra e O Porriño, o AVE e o transporte metropolitano.

venres, 14 set 2007
1189773126caride140907.jpg
Segundo explicou a conselleira, os temas abordados no transcurso da súa reunión co alcalde poden agruparse en dous niveis de acción. Nun primeiro nivel está a mellora dos transportes e as comunicacións co exterior de Vigo e a súa área metropolitana, mentres que no segundo se inclúen aspectos relacionados coa accesibilidade dentro deste ámbito conxunto e na propia cidade.

Comunicacións exteriores

A relación de infraestruturas deste primeiro nivel comeza coa nova autovía Vigo-Pontevedra, cuxo proxecto construtivo está actualmente pendente de licitación por parte do Ministerio de Fomento, segundo lembrou Caride. En canto á autovía Vigo-O Porriño, a Consellería de Política Territorial espera "noticias do proxecto canto antes".

O outro apartado no que se refire a comunicacións co exterior é o das novas infraestruturas ferroviarias. Polo que respecta ao Eixo Atlántico, Caride indicou que a entrada Norte do AVE xa está definida, aínda que polo de agora "falta o convenio que especifique claramente as cargas financeiras de cada administración". Con todo, a conselleira indicou que en outubro comezarán os traballos do túnel das Maceiras, de 6 kilómetros de lonxitude.

A saída Sur do AVE, pola súa parte, xa conta con estudo informativo, e no caso do tramo entre O Porriño e a fronteira con Portugal a Consellería espera que o proxecto "saia á luz pública este ano". Tamén dispón xa de estudo informativo a variante de conexión coa Meseta por Cerdedo.

Transporte metropolitano

Por outra banda, María Xosé Caride afirmou que a administración autonómica mantén unha "aposta clara polo transporte público no termo municipal de Vigo e na súa área metropolitana", co obxectivo de ofrecer aos habitantes deste ámbito un transporte atractivo, competitivo e versátil.

Neste sentido, a conselleira anunciou un "salto cualitativo" nesta materia, co abaratamento do transporte público entre Vigo e os concellos veciños. Entre as medidas que posilitarán este cambio, que a Consellería espera realizar no prazo dun ano, está a habilitación, en colaboración co Concello, dunha zona de transferencia metropolitana.

Outra actuación prevista por Política Territorial en Vigo é a humanización das estradas autonómicas da Florida e Castrelos, a través dun convenio que se asinará "dentro dun mes ou mes e medio" co Concello. Esta actuación resultará, segundo afirmou Abel Caballero, "nun segundo ámbito de humanización importante na cidade".

A Consellería tamén ten entre as súas prioridades a mellora da mobilidade e a integración paisaxística da estrada Vigo-Baiona, con medidas como a disposición de zonas para bicicletas e peóns. Esta actuación suporá un investimento de 13 millóns de euros.

Finalmente, María Xosé Caride referiuse ao proxecto do túnel de Beiramar como outra iniciativa importante de Política Territorial en Vigo. Este proxecto, que "sairá a contratación a próxima semana", contempla un orzamento de 16 millóns de euros co obxectivo de "continuar a circunvalción do litoral" e reordenar o tráfico nun espazo no que o futuro Auditorio-Pazo de Congresos xogará un papel fundamental. Segundo adiantou a conselleira, este proxecto desenvolverase durante o próximo ano, coa intención de iniciar as obras en 2009.
1189773126caride140907.jpg
1189773144caride140907c.jpg
Descargar todas as imaxes