Escoitar

Abel Caballero recibe unha representación de Solidarios Anónimos

O alcalde, Abel Caballero, recibiu este xoves a visita dunha representación de Solidarios Anónimos, unha ONG que traballa na integración de diferentes colectivos que padecen algún tipo de exclusión ou discriminación, como son os discapacitados, exconvictos, vítimas da violencia de xénero, persoas maiores marxinadas e emigrantes.

xoves, 13 set 2007
1189681284solidarios130907.jpg
Solidarios Anónimos tratou co alcalde a realización en Vigo de accións dentro dos campos nos que desenvolve o seu labor, e que se corresponden cos mencionados colectivos de risco.

O traballo social desta ONG desenvólvese a través da súa estrutura federal, formada polas seguintes entidades: Asociación de Márketing Social (ADEMAS), Trastorno Bipolar Organización (TBO), Foro para la Inversión Social y Capital Humano (INVERSO), Asociación de Trasplantados de Vigo (ATOVI) e Emprendedores Sociales (Non Profit).

Na súa condición de grupo de presión, Solidarios Anónimos actúa como foro de debate, elaborando campañas de comunicación e sensibilización, estudos de mercado, xornadas didácticas, manuais sociais, asesoramento xurídico, apoio sanitario e psicolóxico, accións de denuncia, consultoría de responsabilidade social corporativa e outros servizos de cohesión social.

Desde a inauguración da federación, o comité asesor está formado por profesionais de dilatada experiencia e recoñecemento, como poden ser xuristas, sociólogos, mediadores, pedagogos, persoal médico e sanitario e líderes de opinión. Estas persoas brindan a súa colaboración de maneira altruísta para lograr os obxectivos de inclusión de Solidarios Anónimos.

Na recepción deste xoves no despacho do alcalde estiveron presentes tamén o concelleiro de Promoción Económica, Participación Cidadá e Emprego, Santos Héctor, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez.
Descargar todas as imaxes