Escoitar

O MARCO presenta a súa programación de verán

Exposicións temporais, programación audivisual, concertos e festivais, programación didáctica, obradoiros e cursos conforman, entre outras actividades, a oferta do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) para os meses de maio a agosto. Segundo sinalou o director do centro, Iñaki Martínez Antelo, as cinco exposicións temporais incluídas nesta programación constitúen "un avance do quinto aniversario que cumprimos en novembro".

xoves, 10 mai 2007
1178803833marcoveran100507.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, co director do museo, Iñaki Martínez Antelo (esquerda), e o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves (dereita), durante a presentación do novo programa hoxe xoves
Son as mostras "Documentos. A memoria do futuro", "Doppelgänger. O dobre da realidade", "Retratos doutro século. Selección de fondos da Colección Fotográfica do Concello de Vigo", "Novos horizontes. Artistas contemporáneos de Francia", e "Entre fronteiras". Esta última exposición inaugurouse en febreiro e clausúrase o 20 de maio.

Por outra parte, o Espazo Anexo do MARCO acollerá, do 25 de maio ao 26 de agosto, unha exposición do artista galego Carlos Rial sobre o significado das intervencións "site-specific" no contexto museístico. Ademais, no salón de actos, do 29 de xuño ao 9 de setembro, poderá visitarse a mostra "A viaxe dislocada. Videoviaxes e turismo", na que unha serie de traballos en vídeo convidarán o espectador a reflexionar sobre a viaxe e as súas metáforas.

A programación audiovisual do MARCO para o verán trae a Vigo, en primeiro lugar, o ciclo de cine xaponés de culto "Lost Lovers", organizado pola Casa Asia coa colaboración de The Japan Foundation. As películas, subtituladas en castelán, ofrecerán un panorama do cine xaponés contemporáneo do 16 ao 23 de xuño, no salón de actos do museo. Este apartado complétao o ciclo de cine francés dedicado a Isabelle Huppert, organizado polo Cineclub Lumière en colaboración co MARCO e o Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia como actividade complementaria á exposición "Novos horizontes".

Do 17 ao 20 de maio, co gallo do Día Internacional dos Museos, o MARCO celebrará as súas xornadas de portas abertas, nas que ofrecerá, entre outras actividades, o obradoiro de creación colectiva "En terra de ninguén", a proxección de curtametraxes galegas no Día das Letras e o espectáculo de danza "Memoria", de Blanca Arrieta, ao redor da exposición "Documentos. A memoria do futuro".

Por outra parte, a programación didáctica continuará neste período coas súas visitas e obradoiros para escolares (ata o 15 de xuño) e as actividades para familias, con obradoiros, contacontos e visitas. Do 3 de xullo ao 8 de setembro, os obradoiros infantís de verán centraranse na historia, lugares, habitantes e manifestacións culturais e artísticas de Francia, como actividade complementaria da exposición "Novos horizontes".

No apartado de obradoiros de artista, Arik Levy dirixirá "O outro", unha nova actividade complementaria da mostra de creadores franceses. Será o 5 de xuño no salón de actos.

No que respecta a concertos e festivais, a nova oferta do MARCO iniciouse os pasados 4 e 5 de maio cun ciclo de compositores do século XXI, continuado o día 6 polo Festival Sinsal Primavera, cunha nova actuación o 12 de xuño a cargo dos estadounidenses Bluviolin e Rebeca Moore. O sábado 19 e o domingo 20 de maio, Blanca Arrieta traerá o espectáculo "Memoria", dentro do Festival de Teatro e Danza Contemporánea "Isto Ferve’07". O programa musical cérrase co II Festival Internacional de Jazz de Vigo "Imaxina Sons", con actuacións de Antonello Salis (25 de xuño), Markus Breuss (26 de xuño) e Chefa Alonso (27 de xuño).
Descargar todas as imaxes

Máis información