Escoitar

Corina Porro visita a futura sede das estruturas municipais de apoio a emprendedores

A alcaldesa, Corina Porro, e a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Lucía Molares, visitaron hoxe mércores o edificio da antiga Escola de Hostelería, no corazón do Berbés e do Casco Vello, que está sendo acondicionado para acoller os dispositivos municipais de apoio a emprendedores.

mércores, 9 mai 2007
1178715568empece090507.jpg
Porro e Molares puideron comprobar o avance das traballos de acondicionamento das plantas segunda, terceira e cuarta deste edificio de titularidade municipal. Nestes espazos centralizaranse, segundo acordou a Xunta de Goberno Local o pasado luns, os recursos públicos locais para a promoción do autoemprego e a creación de novas empresas, baixo a denominación de Enclave Municipal para a Promoción do Emprendemento e Creación de Empresas (EMPECE). Este traballo desenvólveo o Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), adscrito á Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego e actualmente situado no cuarto andar do Concello. O SAE conta con catro axentes de emprego e desenvolvemento local, unha técnica para o programa de microcréditos e unha coordinadora. O Goberno municipal asignoulle as plantas segunda, terceira e cuarta do edificio. As plantas segunda e terceira estarán dispoñibles para a súa utilización a finais de maio ou principios de xuño.

Tamén dentro do EMPECE, a planta cuarta albergará o viveiro de novas empresas para as iniciativas promovidas por mulleres, dentro do proxecto "Conta con Elas", que se denominará EME (Espazo da Muller Emprendedora) e contará con sete despachos de 13 a 16 m2. Á espera dunha posterior regulación detallada das súas condicións de acceso e uso, os proxectos empresariais do EME deberán ser promovidos por mulleres de calquera dos concellos da Mancomunidade de Vigo e terán que ser, ademais, viables técnica e economicamente e de nova creación.

Os/as responsables do proxecto "Conta con Elas", en colaboración co Servizo Municipal de Desenvolvemento Local e Emprego, deberán redactar e tramitar, no seu momento e convenientemente, o regulamento de acceso e uso deste espazo de apoio ás mulleres emprendedoras, para o seu correcto e normal funcionamento.

Outro programa municipal de emprego, o BIAL (Brigadas de Inserción e Actuación Local), foi o responsable de realizar a maior parte dos traballos de acondicionamento, toda vez que o interior do edificio presentaba unhas condicións de deterioro importantes, motivadas pola ausencia prolongada de uso das instalacións. En total, o investimento aproximado para a adecuación e equipamento destas instalacións achégase aos 120.000 euros.

Así, EMPECE disporá das seguintes instalacións:
2º andar: recepción, administración, coordinación e espazos para asesoramento personalizado
3º andar: espazos para asesoramento e espazos comúns, sala de reunións, biblioteca
4º andar: incubadora ou viveiro de empresas (EME)

Outras actividades do EME comezan xa neste mes, coa realización dos seguintes actos dentro do programa do proxecto "Conta con Elas":

Martes, 15 de maio

Lugar: Espazo da Muller Emprendedora (EME) (r/ Cánovas del Castillo, 2 (4º andar)

Xornada "Emprendedoras e innovadoras"

Con esta xornada, que será inaugurada pola concelleira delegada da Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local e do proxecto "Conta con Elas", Lucía Molares, comezan as actividades do EME, un novo e in­novador espazo que permitirá ás mulleres emprendedoras desenvolver os seus proxectos co apoio e asesoramento de profesionais. O programa é como segue:

9:30 – 10.00: Intervención por parte da administración/proxecto.
Ilustración de experiencias de emprendedoras locais:
10.00: Exposición da experiencia de María Villar. Empresa: La Ricotta
10.30: Exposición da experiencia de Victoria Millán. Empresa: Calor Humano
11.00: Coloquio
11.30. Café
Conferencia Marco:
12.00: Ponencia de Pilar Jericó, directora de Walker y Newman. Autora dos libros "Gestión del Talento: Del profesional con talento al talento organizativo" e "No miedo".
13.00: Coloquio
13.30: Agradecementos e clausura.

Luns, 21 de maio

Lugar: Espazo da Muller Emprendedora (EME) (r/ Cánovas del Castillo, 2 (4º andar)

Presentación do curso de teleformación "Emprender un proxecto de empresa"

Ás 17.00 horas presentarase este curso gratuíto on-line dirixido a mulleres emprendedoras que teñan creado ou vaian crear a súa empresa na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. O curso, con 40 prazas dispoñibles, ten unha duración de 100 horas e o seu obxectivo principal é coñecer os métodos e estratexias necesarias para conseguir o éxito na creación dunha nova empresa. O programa do curso é o seguinte:

- O primeiro que se debe saber sobre a creación de empresas
- A emprendedora e as súas ideas
- Emprender é planificar: o plan de empresa
- Non hai negocio sen estratexia
- É viable o proxecto?
- Imos adiante: como facelo?
- Igualdade de oportunidades.
Descargar todas as imaxes