Escoitar

A prevención, tema de debate nas VI Xornadas do Plan Local sobre Drogodependencias

A Concellería de Benestar Social organizou as VI Xornadas do Plan Local sobre Drogodependencias e Outras Adiccións, que se celebraron os días 3 e 4 de maio baixo o lema "A prevención a debate". As Xornadas contaron coa presenza de profesionais, técnicos e mediadores sociais do ámbito da saúde, os servizos sociais e a educación.

martes, 8 mai 2007
A xornada do xoves abriuse de mañá cunha avaliación da prevención en España a cargo de Amador Calafat, psiquiatra pertencente á rede europea de profesionais e investigadores en materia de drogodependencias IREFREA e director da revista "Adicciones". Calafat ofreceu unha visión positiva da situación a nivel estatal, baseándose na cada vez maior implicación das institucións, das que demandou un traballo máis profesional e apoiado en criterios científicos. Con todo, Calafat indicou que os resultados do labor levado a cabo só se coñecerán a medio e longo prazo.

A situación da prevención en Galicia foi analizada a continuación por Víctor Pedreira, médico psiquiatra e subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias do SERGAS, quen salientou o notable incremento dos fondos destinados a este fin na nosa comunidade. Este incremento vén respaldar o novo Plan de Galicia sobre Drogas, dentro do cal se están levando a cabo desde o ano pasado en Santiago de Compostela uns seminarios formativos e de reciclaxe para técnicos en prevención. Segundo sinalou Víctor Pereira, o esforzo para a prevención en Galicia debe ser continuo e iniciarse nos centros escolares.

A tarde do xoves estivo ocupada pola exposición de seis experiencias preventivas realizadas en diferentes puntos de España. A primeira delas, a cargo do doutor en Psicoloxía e coordinador do Programa de Prevención de Drogodependencias Manuel Isorna, é o Programa de Autoescolas que se vén levando a cabo na Agrupación de Concellos do Baixo Ulla-Sar para evitar o consumo excesivo de alcohol por parte dos condutores. O bo resultado desta iniciativa, que busca a concienciación dos futuros condutores desde as autoescolas, fará que sexa implantada nalgúns centros de Vigo a partir de setembro.

O psicólogo clínico Hilario Garrudo, en representación da organización non lucrativa de acción social EDEX, trouxo ás Xornadas a experiencia do programa "Habilidades para a vida", desenvolvido en centros escolares do País Vasco para afrontar o consumo de drogas entre os rapaces, fomentado neles valores como a asertividade e a decisión.

Desde Ribeira, o psiquiatra e xefe de servizo da Unidade de Asistencia a Drogodependentes dese concello, falou do programa "Cidades Saudables", consistente na atención integral a través da acción de diversas entidades municipais e que ten contribuído desde a súa implantación á mellora da seguridade cidadá na vila.

A seguinte experiencia, exposta pola psiquiatra e doutora en Medicina Alicia Rodríguez Martos, foi o Programa de Dispensación Responsable de Bebidas Alcohólicas (DRA), que se realiza con notable éxito en Barcelona. Este programa ofrece aos donos dos bares, restaurantes e pubs cursos de formación para os seus camareiros, nos que se lles ensinan habilidades para controlar o consumo excesivo de alcohol por parte dos clientes.

O deseño das campañas preventivas nos medios de comunicación foi analizado por Roberto Velázquez Martín, director de Comunicación e Márketing da Federación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), desde onde actualmente se incide no problema da banalización do consumo e a invisibilidade do consumidor, despois das campañas de corte duro de anos precedentes.

A xornada do xoves finalizou da man de Sonia Moncada, xefa de Área de Prevención da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, quen falou do proxecto piloto "Odisea", desenvolvido en Madrid co obxectivo de reducir riscos entre alumnos consumidores de Garantía Social e escolas obradoiro.

O venres a xornada comezou cun debate sobre a funcionalidade dos programas preventivos de lecer e tempo libre, no que participaron, como relatores, Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela, e Roberto Secades, profesor titular do Departamento de Psicoloxía da Universidade de Oviedo. O debate, moderado polo xornalista Eduardo Rolland, serviu para chegar á conclusión de que os mencionados programas obteñen mellores resultados cando son organizados desde abaixo por profesionais implicados na prevención das drogodependencias, e non desde arriba polas institucións. Becoña e Secades constataron o feito de que nalgúns casos os programas resultan mesmo contraproducentes porque lles ofrecen aos mozos unha opción para as noites que implica saíren dos seus fogares e entraren en contacto coas drogas.

As Xornadas cerráronse no mediodía do venres cunha mesa na que diversos especialistas analizaron o papel dos medios de comunicación con respecto á prevención das drogodependencias. A conclusión á que se chegou nesta mesa é que os medios de comunicación deben utilizar o seu poder para influíren na percepción da problemática das drogas por parte da poboación. Os medios, concluíron os asistentes, deben traballar de xeito coordinado cos especialistas en materia de drogodependencias e prevención para lles ofreceren ás súas audiencias contidos documentados e que reflictan a realidade sen prexuízos.