Escoitar

Os beneficiarios da terceira quenda do programa BIAL reciben os seus diplomas

A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, entregou hoxe xoves no Centro Municipal de Formación en Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) os diplomas acreditativos da formación inicial recibida polos 58 beneficiarios da terceira quenda do programa municipal de emprego BIAL.

xoves, 10 mai 2007
1178799177bial100507.jpg
BIAL, siglas de Brigadas de Inserción e Actuación Local, é un dos programas máis importantes do Plan Municipal de Emprego 2004-2007. A formación impartida no marco desta iniciativa, financiada exclusivamente polo Concello, pretende facilitar experiencia e hábitos laborais a persoas desempregadas a través da súa participación en actuacións de acondicionamento e mellora da cidade.

Así, os beneficiarios desta quenda do programa adquiriron coñecementos de construción, medio ambiente, fontanería, electricidade, DDD (desinfección, desinsectación e desratización), habilidades sociais, igualdade de oportunidades, uso e mantemento de EPI’s e prevención de riscos laborais, cun total de 208 horas lectivas. Esta formación impartírona compoñentes do equipo técnico do programa no Parque Central de Servizos do Concello e no viveiro do Castro e Castrelos.

Ao longo do período de contratación, os beneficiarios recibirán máis formación adecuada ao itinerario persoal de cada un deles e relacionada coas distintas tarefas que se vaian executando, así como un módulo de Alfabetización Informática.

Durante o seu discurso ante os asistentes á entrega de diplomas, Lucía Molares salientou aspectos do programa BIAL como o fomento da incorporación da muller ao mundo laboral ou a percepción por parte dos cidadáns dos traballos realizados no seu marco. A concelleira lembrou que o obxectivo do programa é que os seus beneficiarios consigan "un emprego fixo no mundo laboral".

O programa BIAL iniciouse en xullo de 2004 coa contratación do seu equipo técnico e de xestión. En febreiro de 2005 contratáronse ás persoas beneficiarias da primeira das tres quendas anuais que se desenvolveron ata agora. A día de hoxe son 234 as persoas beneficiarias que teñen participado no programa.
Descargar todas as imaxes