Escoitar

López Chaves visita as obras de rehabilitación do Xardín Inglés do Pazo de Castrelos

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Ignacio López-Chaves, visita hoxe martes, ás 17:00, as obras de mellora que se están a levar a cabo desde o mes de febreiro no Xardín Inglés do Pazo de Castrelos. Os traballos, consistentes na rehabilitación dun muro e do vaso do estanque, serán finalizados en maio.

martes, 11 abr 2006
O Servizo de Patrimonio Histórico realizou varios informes no ano 2002, alertando do estado ruinoso no que se atopaba o estanque do Xardín Inglés do Pazo de Castrelos. Estes danos afectaban á base e a dous dos muros laterais deste espazo axardinado e producían unha grave perda de auga, como consecuencia de varias fisuras producidas polas caídas de pólas das árbores (Liriodendron tulipífera) que rodean o estanque.

Estas filtracións afectaban a unha parte importante do muro de contención que soporta esta zona axardinada, e motivaban a necesidade dunha intervención sobre a totalidade desta superficie.

O goberno municipal, consciente da necesidade de acometer estas melloras nunha zona considerada Ben de Interese Cultural e que supón unha atracción para nenos e maiores, decidiu elaborar un proxecto. En setembro de 2005, o Pleno aproba unha modificación orzamentaria na que inclúe a rehabilitación do muro do estanque de Castrelos, por un importe de 150.000 euros.

En decembro de 2005, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación por subasta desta obra á UTE formada por Norvial, S.L. e Hidroscivil, S.L. por un importe de 125.820,91 euros, de acordo co proxecto e prego de condicións redactado polos servizos técnicos municipais.

Técnicos das empresas adxudicatarias estarán presentes durante a visita de Ignacio López-Chaves para ofreceren información sobre as obras aos medios de comunicación.