Escoitar

O Goberno Local dá un prazo de tres meses para a reparación do Mercado do Progreso

A Xunta de Goberno Local deulle hoxe luns á Asociación de Comerciantes e Vendedores do Mercado do Progreso un prazo de tres meses para que repare as deficiencias en materia de seguridade e salubridade que o Concello asumiu, o pasado 10 de marzo, a xestión directa destas instalacións.

luns, 10 abr 2006
Baseándose en informes técnicos, o Goberno Local, ademais de prorrogar a súa xestión directa, concreta unha serie de medidas necesarias para o funcionamento do Mercado nos termos acordados entre a Asociación de Comerciantes e Vendedores e o Concello. Así, sinálanse numerosas deficiencias estruturais do propio edificio, así como problemas nas instalacións do Mercado e nas súas condicións de salubridade e hixiene.

A Asociación de Vendedores e Comerciantes do Mercado do Progreso deberá subsanar estas deficiencias no prazo de tres meses. De non facelo, a Administración declarará en secuestro a concesión. A Asociación de Vendedores e Comerciantes deberá comunicarlle ao Concello, nos 15 primeiro días deste prazo, se está disposta a afrontar estas reparacións. Se a resposta é negativa, o Goberno Local estudaría a posibilidade de rescatar a concesión.

Ademais, o Goberno Local ordenou incoar expediente sancionador á Asociación de Vendedores e Comerciantes pola presunta comisión das seguintes infraccións moi graves: a non prestación dos servizos acordados co Concello; a inobservancia de obrigas esenciais relacionadas coa salubridade hixiénico-sanitaria, e a situación de "notorio descoido" na conservación e mantemento das edificacións, instalacións, espazos e superficies comúns do mercado.

Así mesmo, a Xunta de Goberno decidiu contratar a ampliación da prestación do servizo de limpeza do mercado, ao consideralo insuficiente na actualidade. Por outra parte, contratarase a prestación do servizo de seguridade, obrigatorio por imposición do Texto Refundido do Regulamento Municipal dos Mercados Municipais.