Escoitar

Concello e Caixa Galicia ofrecen 36 prazas no Centro Xerontolóxico de Barreiro

Os servizos sociais do Concello de Vigo colaborarán coa Obra Social de Caixa Galicia para facilitaren o acceso de persoas maiores con insuficiente capacidade económica a 30 prazas residenciais e seis de atención diurna do Centro Xerontolóxico EUXA Vigo, situado en Barreiro (Lavadores)

luns, 10 abr 2006
Segundo o convenio asinado hoxe entre a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López, esta entidade comprométese a promover, no marco da súa obra benéfico social, os acordos necesarios para que o dito centro xerontolóxico poida ofrecer prazas a persoas maiores de 65 anos sen capacidade económica suficiente para facer fronte ao seu custo íntegro.

O convenio establece 15 prazas residenciais cunha tarifa de 964 euros e outras 15 de 642. Deste total de 30 prazas residenciais, o 80% serán para asistencia moderada en cuarto dobre, un 8% para asistencia severa en cuarto dobre, e o 12% restante para persoas autónomas en cuarto dobre. As prazas de atención diúrna inclúen tres de xornada completa, cunha tarifa de 248 euros, e outras tres de media xornada, por 192.

As tarifas determinaranse de acordo cunha serie de criterios de avaliación, como a situación socio-familiar do solicitante, o seu grao de autonomía, a existencia de discapacidades, situacións de dependencia ou minusvalía, o nivel de ingresos mensuais e a idade.

O Concello, pola súa parte, ofrecerá información sobre estas prazas xerontolóxicas entre os veciños do municipio con necesidade de coidados sociosanitarios e colaborará na derivación cara ao Centro Xerontolóxico dos solicitantes destas prazas. As prazas contempladas no convenio poderán ser cubertas tanto por usuarios derivados polos servizos sociais do Concello como directamente por Caixa Galicia, no ámbito da súa obra benéfico social.

Este convenio vén a sumarse ao xa vixente entre o Concello e Caixa Galicia polo que a Obra social subvenciona 15 prazas residenciais e tres de atención diurna no centro para persoas maiores en situación de risco social.

A dotación económica anual que a Obra Social de Caixa Galicia dedica a estes fins é superior aos 400.000 euros. O convenio entre o Concello e Caixa Galicia será efectivo a partir da súa sinatura. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2006, podéndose prorrogar tacitamente por anos naturais As persoas interesadas neste acordo poden dirixirse ao propio centro xerontolóxico a partir do dia 24 de abril presencial ou telefónicamente.