Escoitar

O Concello proxecta seis aparcadoiros subterráneos con 3.000 prazas en tres anos

As 3.000 prazas dos seis novos aparcadoiros subterráneos públicos proxectados para dentro duns tres anos en Vigo "van revolucionar o tráfico da cidade", segundo afirmou hoxe luns o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello. O próximo Pleno da Corporación debaterá a aprobación inicial do Regulamento Regulador deste servizo.

luns, 10 abr 2006
1144674575xunta.jpg
Este Regulamento contén, así mesmo, as condicións do réxime de uso dos seis novos aparcadoiros. Na súa reunión de hoxe luns, a Xunta de Goberno Local, ademais de proporlle ao Pleno da Corporación a aprobación inicial deste Regulamente, acordou someter a información pública , por un periodo de un mes, o prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para contratar a xestión dos novos aparcadoiros.

Antonio Coello salientou que os usuarios dos futuros aparcadoiros pagarán por minutos, cunha tarifa de 0,0274 euros por unidade. O concelleiro engadiu que a construción destas novas infraestruturas será "a máis importante destas operacións en Galicia".

As 3.000 novas prazas de aparcamento distribuiranse entre os aparcadoiros do Areal (568 prazas), Policarpo Sanz (560), Pintor Colmeiro (390), avenida de Castelao (367), Genaro de la Fuente (445) e Rosalía de Castro (520) e o seu aparcadorio anexo para residentes (75).

A construción dos aparcadoiros subterráneos licitarase en dous bloques de tres. Así, nun deles estarán Areal, Pintor Colmeiro e Policarpo Sanz, mentres que o outro estará formado por Genaro de la Fuente, Castelao e Rosalía de Castro.

A execución das correspondentes obras realizarase en prazos que irán dos seis meses para o de Policarpo Sanz aos 24 previstos para os de Rosalía de Castro e Pintor Colmeiro.
Descargar todas as imaxes