Escoitar

A Xunta aproba a oferta pública de Emprego máis extensa dos últimos anos

As 170 prazas son a maior oferta pública do Concello de Vigo. 7 destas prazas están reservadas a discapacitados. A Xunta aprobou tamén os expedientes de contratación para as obras de remodelación de Alfonso X e Mestre Mateo.

luns, 13 xuñ 2005
A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe luns aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación española contra o cancro co compromiso de atender 20 enfermos ao ano no taller de psicoterapia que derive o departamento de Benestar Social con vixencia ata finais de ano e unha achega de 9.000 euros.

No área de Deportes a Xunta aprobou a tramitación dun expediente para a contratación dun estudo de viabilidade para a concesión da obra e explotación dun complexo de auga en Navia. O complexo incluiría unha piscina olímpica (50x25) onde se puidesen desenvolver competicións do máximo nivel, outra de adestramento, bancada para 500 espectadores, ximnasio e outros espazos de lecer.

En Desenvolvemento Local e Emprego a Xunta aprobou as bases reguladoras da convocatoria do presente ano para o programa de axudas municipais á creación de empresas, no marco do Plan Municipal de Emprego 2004-2007. A cantidade disposta é de 120.000 euros. As axudas son a fondo perdido e teñen a finalidade de subvencionar a posta en funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe máximo será de 2.400 euros.

A Xunta de Goberno deu luz verde ao incremento do importe económico do contrato actual de mantemento dos túneles en 137.050 euros co obxecto de prestar servizo aos novos túneles urbanos. Este incremento afecta á prolongación do túnel de Beiramar por 99.272 euros, a reforma do túnel de acceso á autopista AP-9 por 27.482 euros e o túnel da Travesía de Vigo por 10.296 euros.

En Mobilidade e Seguridade a Xunta resolveu aprobar o convenio de colaboración coa Cruz Vermella por 119.100 euros para o servizo de primeiros auxilios e transporte sanitario nas praias viguesas en 2005. Tamén aprobou un protocolo de colaboración coa Asociación para a integración e desenvolvemento do Africano acordando o asentamento de 106 postos de venta ambulante establecidos xunto ao posto da Cruz Vermella, suprimindo a ocupación irregular do paseo de Samil.

No apartado de Persoal, a Xunta aprobou a Oferta pública de emprego do Concello para o ano 2005. Esta oferta é a maior que lanza o Concello e está formada por 131 prazas para funcionarios e 39 para persoal laboral. 7 destas prazas están reservadas a discapacitados. O concelleiro José Manuel Figueroa deu por boa esta lista que ven a cubrir as necesidades do Concello en cuestión de persoal, se ben dixo que habería que ampliar esta lista en anos sucesivos sobre todo en canto a policías e bombeiros.

En Vías e Obras a Xunta aprobou os expedientes de contratación por concurso das obras de humanización da rúa Alfonso X o Sabio e a primeira fase da rúa Mestre Mateo por 90.000 e 95.817 euros respectivamente.