A ópera "Carmen" encherá Castrelos de amor e traxedia o próximo 24 de xullo
O cartel de concertos do auditorio de Castrelos 2026 vén de sumar unha nova cita: Carmen, de Georges Bizet. O venres 24 de xullo o público poderá gozar desta ópera, unha das máis “extraordinarias” da historia da lírica, cualificou o alcalde.
Abel Caballero desvelou esta mañá unha nova proposta para Castrelos 2026: Carmen, a obra mestra de Georges Bizet. Esta sexta confirmación no cartel de concertos do verán encherá o parque de paixón, amor e traxedia a noite do venres 24 de xullo.
Estrenada en París en 1875, trátase dunha das óperas máis “extraordinarias” que se interpretaron nunca e “vai ser a que teña máis espectadores da historia de España”, vaticinou o alcalde.
Carmen contén algunhas das melodías máis recoñecibles da lírica como “La Habanera” ou “La marcha do Toreador” e a produción coa que chegará a Vigo conta con 23 cantantes e 24 músicos de recoñecida traxectoria.