Escoitar

O Pleno insta á Xunta a executar un plan anual de atención ao río Lagares

A Corporación aprobou, co apoio do BNG e os votos en contra dos populares, a moción do grupo socialista que demanda a Augas de Galicia un plan anual de atención e limpeza do río e a retirada de especies invasoras de todo o tramo fluvial do Lagares.

luns, 30 set 2024
A edil Nuria Rodríguez durante a súa intervención no Pleno
A edil Nuria Rodríguez durante a súa intervención no Pleno

A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, defendeu a moción do grupo municipal socialista poñendo en valor o traballo realizado no río Lagares polo goberno nos últimos anos, recuperando a senda fluvial cun investimento de case 1,5 millóns de euros, facendo transitables 11,3 quilómetros dos 17 totais de olnxitude que ten o río ao seu paso pola cidade. A Xunta de Galicia, apuntou, achegou cero euros á preservación da conca hídrica; “non existimos para a Administración autonómica” cando unha das competencias da Consellería de Medio Ambiente é a protección dos espazos fluviais. Así criticou a “pasividade” de Augas de Galicia coa protección do solo rústico, da Xunqueira do Lagares, do río Eifonso, da zona húmida do Vao ou do regato de Fragoselo.

A moción socialista insta á Xunta de Galicia a elaborar e executar un plan anual de atención e limpeza do río Lagares desde Augas de Galicia e a proporcionar ao Concello os fondos necesarios para realizar os traballos de mantemento nas zonas consideradas tramo urbano así como a proceder, de maneira urxente, á retirada de especies invasoras de todo o tramo fluvial do río Lagares ou asignar os recursos precisos para que o realice o Concello de Vigo, asumindo así a competencia da Xunta de Galicia.

Filipe Abalde, edil do Bloque Nacionalista Galego aludiu ao “nulo compromiso medioambiental” do goberno municipal que “urbaniza cada vez máis as marxes do río Lagares” e cuxa política “foi sempre a de virarlle as costas a Vigo” demandando un “maior compromiso do goberno galego co Lagares e esixindo ao goberno municipal que actúe no ámbito das súas competencias.

Luisa Sánchez, edil popular, expuxo que as actuacións de conservación fluvial están ben acoutadas pola Lei e censurou que o Concello rexeitase en 2021 o protocolo de colaboración trasladado pola Xunta de Galicia para a xestión integral da contorna do Lagares por un importe de 7 millóns de euros.

Descargar todas as imaxes