Escoitar

O Pleno aproba a modificación urbanística que viabiliza a Biblioteca do Estado na rúa Lalín

A Corporación deu luz verde definitiva esta mañá ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a ubicación da Biblioteca Pública do Estado, un grande avance cara a cumprir unha demanda histórica desta cidade. Caballero referiuse a aprobación como un “paso excepcional” que culmina a tramitación municipal desta infraestrutura xa que permite ceder o solo ao Goberno Central.

luns, 30 set 2024

O alcalde cualificou de “paso excepcional” a aprobación en Pleno do Plan especial de infraestruturas e dotacións que permitirá construír a Biblioteca do Estado entre a rúa Lalín e a rúa Coruña. Lembrou que foi preciso expropiar e pagar os terreos que nestes momentos xa poden ser cedidos ao Ministerio de Cultura. Esta aprobación dá por rematada a tramitación que dependía do Concello e agora xa é responsabilidade do Goberno de España.

Durante o debate plenario, a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu a potencialidade de Vigo como principal cidade galega en termos económicos e sociais, ademais de referente en moitos eidos culturais. A pesar desta puxanza, Vigo é a única cidade grande sen esta dotación cultural, que si teñen as catro capitais de provincia galegas, ademais de Santiago de Compostela.

Caride precisou que esta aprobación “non é un instrumento sen máis” senón que nos vai permitir acceder á mellor rede de centros bibliotecarios do Estado porque “Vigo quere estar nesa rede referente en fondos e usuarios”. Na súa intervención plenaria, a edil detallou que se trata de 6.578 m2 distribuídos en dúas parcelas que xa son propiedade municipal polo que xa se poden ceder ao Ministerio de Cultura.

Esta modificación, ademais de non rexistrar alegación algunha no período de exposición pública, engadiu, conta con todos os informes precisos da Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea; de tramitación ambiental; do Ministerio de Industria, do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, do Ministerio de Transportes, de Mobilidade e Axenda Urbana, ademais de todos os organismos autonómicos dependentes. “Ten todos os beneplácitos para cumprir con esta gran demanda da cidade”, concluíu.

A modificación deste Plan especial de infraestruturas saíu adiante co voto favorable do PSOE e do PP e coa abstención do BNG.

Descargar todas as imaxes