A Corporación municipal urxe á Xunta a dotar con orientadores a todos os centros educativos da cidade
O Pleno da Corporación municipal de Vigo aprobou hoxe por unanimidade a moción presentada polo grupo socialista esixindo á Xunta que todos os centros educativos da cidade conten con orientadoras e orientadores e cos especialistas necesarios para garantir unha atención educativa adecuada aos nenos.
A concelleira de Educación, Olga Alonso, defendeu hoxe ante o Pleno a transcendencia de que todos os centros educativos de Vigo conten con profesionais especializados para atender a diversidade das necesidades dos escolares. “A realidade que viven os centros educativos son peches de unidades e traballos compartidos de orientadores”, destacou para indicar que os niveis internacionais recomendan cuadruplicar a dotación de expertos nas aulas.
“Non hai educación de calidade se hai brechas de equidade que teñen que ver cos investimentos en recursos humanos, e os colexios de Vigo precisan destes desde xa e durante toda a xornada lectiva”, recalcou a edil.
Transferencia de Cedro á Xunta
A Corporación local tamén aprobou hoxe, cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e do BNG, a moción coa que urxe á Xunta a reactivar, de forma inmediata e urxente, a comisión mixta para a integración da rede galega de transtornos adictivos no Sergas e cumprir co acordo do Parlamento de Galicia que significa a integración de Cedro.
Os corporativos instan á Xunta a dotar unha partida orzamentaria nas contas de 2025 para materializar a transferencia antes do 31 de decembro, facéndose cargo de todos os custos.
A moción aprobada este luns demanda que a Xunta asuma, mentres non leve a cabo a transferencia total, a contratación do persoal que cause baixa por xubilación e a cobertura de vacantes.