Escoitar

O Concello cifra en 90 millóns de euros a rehabilitación integral do Casco Vello

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, asegura que é preciso seguir traballando co resto das Administracións Públicas para conseguir recuperar de xeito integral o Casco Vello da cidade. Acompañado polos concelleiros de Patrimonio Histórico e Seguridade, Xosé Carlos Arias e Xulio Calviño, respectivamente, e representantes veciñais, Pérez Mariño percorreu as rúas do barrio histórico.

martes, 4 nov 2003
1067959782vello.jpg
Visita Casco Vello
O alcalde explicou que os presupostos do 2004 incluirán propostas para continuar coa rehabilitación da zona, un proceso que se iniciou no ano 95 e que en opinión de Xosé Carlos Arias, serán precisos outros oito anos e ao redor de 90 millóns de euros para que estea concluído, segundo determina o Pepri. Arias explicou que a colaboración económica de outras institucións e máis as contribucións procedentes de Fondos Europeos serán fundamentais para levar a cabo este proceso.

O concelleiro de Patrimonio apuntou que a Praza de Eduardo Chao será unha das primeiras actuacións que se acometerán con cargo aos presupostos do 2004. A intención do Goberno municipal é a de poñer en marcha un plan progresivo de inversións que permita desenvolver un servicio de mantemento permanente no barrio.

Logo do percorrido, o Alcalde acudiu á inauguración do novo centro de saúde do Casco Vello, un acto no que tamén estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Xosé Manuel Hernández Cochón e o delegado de Zona Franca, Pablo Egerique.
Descargar todas as imaxes