O goberno de Vigo prolonga o servizo de canguros para familias vulnerables
O Concello adica 164.000 euros anuais a prestar un servizo de atención a domicilio a menores de 12 anos, para favorecer a formación e o emprego das nais en situación de dificultade socioeconómica. Por outra banda, o alcalde informou da aprobación dun convenio con CC.OO. por valor de 36.000 euros.
Abel Caballero deu conta este venres dalgúns asuntos aprobados na última Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a decisión de prorrogar por un ano o Servicio de Atención Domiciliaria á Infancia, o SADI Canguros, e destinar ao efecto 164.000 euros.
O Concello dirixe este programa a mulleres nais de fillos e fillas menores de doce anos en situación de vulnerabilidade. O obxectivo é prestar este servizo de canguros na vivenda familiar, favorecendo así a formación e o acceso ao emprego das nais -e en última instancia a súa independencia económica- mentres os menores quedan acompañados.
En segundo lugar, Abel Caballero informou en rolda de prensa da aprobación do convenio a subscribir coa unión comarcal de Vigo de CC.OO para colaborar no desenvolvemento de accións de interese cidadá. Son 36.000 euros que destina o Concello para colaborar co sindicato en distintas actividades, como a súa Oficina de Atención á Cidadanía (que informa sobre urbanismo, renda, emprego e dependencia), unha xornada sobre a reforma laboral ou o asesoramento xurídico a empregados e empregadas.
A este respecto, o rexedor puxo en valor a importancia dos sindicatos na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras, e recordou que o goberno que dirixe rubrica acordos deste tipo coas tres principais agrupacións: CC.OO, CIG e UXT. Así, Vigo transfire en total 108.000 euros ás sedes viguesas destas centrais sindicais.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á prórroga por un ano do contrato de mantemento das instalacións de calefacción e auga quente dos colexios públicos de Vigo, liberando un orzamento de 65.200 euros ao efecto.
“O Concello de Vigo financia dunha forma extraordinaria todos os colexios públicos de Vigo”, subliñou Caballero, quen recordou que o total de gasto anual no mantemento dos centros ascende a 784.000 euros, mentres que os servizos que presta a administración local viguesa nos colexios supoñen un custo de 6,2 millóns de euros. Ademais, o rexedor citou investimentos por valor doutros 2,4 millóns de euros.
Tamén no eido educativo, o goberno de Vigo licitou a xestión do programa municipal para escolares “Visita o teu Concello”, unha iniciativa que presenta un orzamento próximo aos 40.000 euros por dous anos de contrato. Incluíndo o transporte, a proposta consiste en visitas didácticas guiadas á casa consistorial, nas que o alumnado dos colexios vigueses poderán coñecer, por exemplo, o funcionamento da sala de control da mobilidade, entre outros departamentos.
Por último, o goberno vigués validou unha subvención mediante convenio coa Asociación Cultural Filarmónica de Vigo por importe de 15.000 euros. Con este apoio se financia o programa anual de concertos da entidade para este ano, un total de dezanove actuacións.