Escoitar

Vigo adxudica o contrato da limpeza co obxectivo de ser referente na xestión sostible dos residuos

O alcalde sinala que o novo contrato, cun orzamento de case 403 millóns de euros, supón unha mellora “importantísima na recollida de residuos sólidos e da limpeza na cidade. Vigo é a cidade máis limpa de España e queremos mellorar, que sexa aínda máis limpa”.

xoves, 26 mai 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a adxudicación a FCC Medio Ambiente da contratación dos servizos para a xestión sostible e integrada dos residuos municipais e a súa valorización dentro do marco europeo da estratexia da economía circular. Ten un orzamento de 403 millóns de euros por un contrato de 9 anos e 6 meses mais dous de prórroga.

Para Abel Caballero é un “contrato eficiente que vai estimular a mellora no servizo global de limpeza da cidade”, co que Vigo vai converterse en referencia na xestión sostible dos residuos baseándose nas referencias españolas e europeas de desenvolvemento sostible e economía circular, na Axenda 2030, na Axenda Urbana Española, na estratexia local de economía circular da FEMP, na estratexia española de economía circular “aproveitando toda a experiencia e coñecemento sobre as novas formas de xestionar a limpeza”.

Tal e como explicou en rolda de prensa este xoves, trátase dun contrato completamente adaptado á nova Lei nacional 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que vén de ser aprobada. Supón o agrupamento nun só contrato de tódolos servizos de recollida e limpeza da cidade para o que ata o de agora había tres diferentes: o de contedores e papeleiras, o de recollida do contedor verde, limpeza viaria e de praias e o de recollida de reciclaxe. Deste este momentos quedan unificados co fin de “conseguir mellores niveis de reciclaxe, economías de escala e complementariedade dos servizos nunha única concesión”.

Amais, apunta Caballero que Europa esixe que en 2025 se recollan os residuos, tanto de reciclaxe como do contedor verde, para reciclar e este contrato fará posible “cumprir adecuadamente os niveis de esixencia europeos”. Actualmente, o 86% do que recolle a cidade procede do contedor verde e agora haberá que facer a recollida nos contedores de reciclaxe e no marrón de residuos orgánicos. Con ese fin, o Concello estenderá o novo contedor marrón de residuo orgánico. Agora mesmo hai 70 e, co novo contrato, acadaranse os 1.950 contedores marróns. Para iso, van colocarse ata 1.000 contedores máis de cada tipo para recollida separada de roupa, calzado e aceite doméstico (agora hai 50 de cada un deles). Haberá máis de 1.500 novos contedores de reciclaxe: papel, vidro, envases e pilas (agora temos 2.770) e renovaranse 1.000 unidades de contedor verde polo novo modelo que leva o distintivo vermello.

Co novo contrato, o goberno de Vigo potenciará a recollida a domicilio de residuos voluminosos, electrónicos… e incorpora a recollida a domicilio dos cadáveres de animais domésticos e sacos de entullo cos restos das obras. Ademais, o contrato establece un 7,7% de parte variable. Esta porcentaxe só se pagará se a empresa consegue alcanzar os niveis de recollida selectiva que se lle impoñen.

Doutra banda, unificando o contrato o goberno municipal moderniza os servizos e renova completamente os vehículos da frota, contemplando un investimento obrigatorio de 15 millóns de euros para renovar a frota completa de vehículos e o parque de colectores da cidade (10 para vehículos e 5 para contedores). Os vehículos de recollida contarán coa posibilidade de carga traseira e carga lateral pola esquerda (agora só é pola dereita), o que permitirá ampliar as zonas nas que poñer contedores de reciclaxe.

No contrato o Concello introduce parámetros ambientais e de sostibilidade: aforro de auga no baldeo de rúas, obriga de contratar enerxía 100% verde, incorporación de novos vehículos híbridos e eléctricos e o establecemento dunha zona 0 emisións no Casco Vello “na que todo ten que ser eléctrico”. Amais, queda garantida a estabilidade laboral de todo o emprego (o persoal oscila entre as 630 e as 770 persoas).

Descargar todas as imaxes