O alcalde eloxia a elección de Vigo como sede do congreso “Pescado, fonte de alimentación saudable”
Abel Caballero participou este xoves na apertura dun foro que reúne na cidade a expertos de saúde, nutrición, consumo e comunicación, organizado por Interfish España. O rexedor aplaudiu a idea da xornada e defendeu a excelencia do peixe como hábito alimenticio saudable.
O alcalde, Abel Caballero, achegouse este xoves á sede social Afundación para participar na inauguración do congreso, acto no que estivo presente tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de Interfish España, Juan C. Martín.
Vigo é sede da primeira edición desta iniciativa. Segundo resaltou a organización, Galicia ocupa o segundo posto en poboación máis lonxeva de España e os expertos coinciden en que a alimentación ten moito que ver, en particular o consumo de pescado.
A xornada debate sobre a relevancia do peixe nunha alimentación saudable, en particular para o desenvolvemento físico e cognitivo en especial dos máis pequenos. Os expertos, a nivel nacional e internacional, tamén tratan este xoves da promoción dos produtos pesqueiros e do peso da comunicación para animar ao consumo.
Interfish España é a única interprofesional pesqueira que opera no territorio español e agrupa os intereses das organizacións ORPAGU (Organización de Palangreiros Guardeses), OPROMAR (Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín), OPP Burela (Organización de Produtores Porto de Burela) pola rama produtora; e CONXEMAR (Asociación Española de Almacenistas, Transformadores, Importadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura) pola rama da industria e comercialización.