Abel Caballero aplaude a traxectoria centenaria de Talleres Carral
No marco da feira de Navalia, o alcalde eloxiou ao equipo humano, o coñecemento e os produtos que sosteñen os cen anos desta empresa, agora integrada en Industrias Ferri, que este xoves celebrou a efeméride coa presenza do alcalde de Vigo, do delegado da Zona Franca e do rexedor de Gondomar, entre outras autoridades.

O acto tivo lugar nos exteriores do IFEVI, xunto ao remolcador de San Esteban que preside a entrada ao recinto feiral. Neste participaron o director xeral de Industrias Ferri, Patricio Fernández, o director de Enxeñería e Construcións Navais da Armada, o almirante Manuel Antonio Martínez, o director do Igape, Juan Cividanes, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o delegado da Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Talleres Carral é o fabricante de maquinillas máis importante de España e pasou a formar parte da estrutura empresarial de Industrias Ferri no ano 2013. Con noventa empregados e unha facturación de quince millóns de euros, veñen de cumprir cen anos desde a fundación orixinal da empresa, celebración que a compañía aproveitou para poñer en valor os logros acadados e a solidez desta e doutras empresas do sector naval galego.

