Escoitar

Reábrese a colección permanente de Laxeiro restaurada e con novas obras

A colección permanente da Fundación Laxeiro, despois dun proceso de restauración integral que durou case tres anos, preséntase no terceiro andar da Casa das Artes cun novo plantexamento expositivo.

mércores, 11 xuñ 2003
Coa restauración das obras que conforman esta colección procedeuse á remodelación da sala destinada á súa exhibición coa estructuración da exposición en tres espacios principais, un adicado a cada época do artista, diferenciados por cores.

Os comezos e a creación da "estética granítica" Neste espacio pódense ver pezas da primeira época do artista, que van ata o ano 1946. Esta é a sala na que se poden disfrutar cadros esenciais da obra de Laxeiro como "Mascarón" e "Carrotón de nenos", ambos de 1934, ou o emblemático "Trasmundo" de 1946, obra que, como di o crítico Antón Castro, é todo un compendio da estética laxeiriana dos anos trinta e corenta. Neste primeiro apartado da mostra, pódese disfrutar tamén dunha pequena sala adicada á faceta debuxística e retratista do xove Laxeiro, contanto con retratos e paisaxes da primeira época, feitos a lapis, carbón ou sanguina, sobre papel.

A aventura arxentina Este segundo espacio, arrinca do "Autorretrato" do ano 1952. Un cadro que Laxeiro empezara en Vigo, dun xeito máis ou menos figurativo, e que remata xa instalado en Bos Aires, cun estilo totalmente informalista moi cercano ó expresionismo abstracto. Esta etapa que chega ata 1971, é a época da apertura ás correntes internacionais por unha banda e, por outra, o contacto coa intelectualidade galega no exilio.
Laxeiro abre aquí o seu campo de acción e mergúllase na vertente expresionista das vangardas internacionais. Nesta época pódense apreciar coincidencias con movementos europeos como o Grupo CoBrA que desde Centroeuropa reaccionaba contra a pintura académica, practicando un primitivismo que conecta coa obra laxeiriana, creando un eixo xeográfico atlantista, fronte ás propostas moito máis harmónicas da pintura mediterránea. Pezas como "Hans de Islandia", de 1966, dan boa conta deste aspecto atlantista.


O retorno Esta é a sala do Laxeiro máis maduro. Ó seu regreso de Arxentina, no ano 1971, Laxeiro é xa un artista cunha estética moi definida e elaborada, combina e sintetiza todolos seus estilos anteriores e o trazo, esa característica tan persoal, tórnase en elemento principal da súa producción. Combina abstracción e figuración, como non deixara de facer ó longo da súa vida, pero agora, dun xeito moito máis sintético, coa mestría que dan os anos e a experiencia. Pódense ver neste apartado, coincidencias con movementos neo-expresionistas que revitalizaron a pintura no contexto cultural da posmodernidade, como os Novos Salvaxes alemanes ou certos aspectos do graffitti norteamericano. Pezas como "A cor" ou "Reunión" de 1974 ou o pequeno "Retrato" de 1980, son bo exemplo desta síntese plástica acadada polo Mestre de Lalín.

Por outra banda, estase a habilitar un espacio na propia sala de exposicións que estará adicado a actividades didácticas e taller para escolares, que empezará a funcionar no vindeiro curso, así como un cambio radical no sistema de iluminación e unha proxección permanente con imaxes de diferentes momentos de Laxeiro.


Incorporación de tres novas pezas

O museo Quiñones de León cedeu para formar parte da colección permanente que se pode ver na Fundación Laxeiro, tres pezas importantes do legado feito por Laxeiro á cidade de Vigo: O meu Cuñado Darío, 1938; Lúa azul, 1953 e Traxedia, 1956.

Máis información