Escoitar

Concello e Zona Franca comprométense á creación de 160 hectáreas de solo industrial

O alcalde de Vigo en funcións, Lois Castrillo e o delegado do Consorcio da Zona Franca, Pablo Egerique, asinaron o pasado 8 de maio senllos convenios de colaboración para o desenvolvemento de 160 hectáreas de solo industrial no municipio. Nun dos convenios prevese a creación dun novo polígono empresarial nas parroquias de Matamá e Valadares. No outro recóllese a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico.

mércores, 11 xuñ 2003
Os convenios asináronse en virtude do protocolo de colaboración suscrito por Concello e Zona Franca o pasado mes de Outubro para o desenvolvemento urbanístico, socioeconómico e cultural de Vigo. Ese protocolo prevé entre outras cousas "actuacións en materia de disposición efectiva de solos destinados a usos productivos (parques empresariais, polígonos industriais e de servicios, parques comerciais, etc.)".

Nun dos convenios asinados por Castrillo e Egerique establécense as bases para asentar a colaboración entre Concello e Zona Franca para o desenvolvemento dun novo polígono industrial nunha área situada entre as parroquias de Matamá e Valadares. Trátase dunha superficie de 140,4 hectáreas que estará atravesada polo segundo cinto de circunvalación. O Concello figura como promotor desta actuación, mentres que ao Consorcio lle corresponde a execución e o financiamento da obra.

O Concello se compromete a que no novo PXOM este sector figure como Solo Urbanizable cun uso global característico industrial. Especifícase tamén no convenio que as industrias que se implanten no novo polígono deberán cumprir todas as condicións esixibles en orde a evitar efectos medioambientais negativos no contorno. O sistema de actuación establecido para o ámbito é o de expropiación. O Concello expropiará os terreos e Zona Franca os adquirirá como beneficiario pagando directamente tanto os xustiprezos como as indemnizacións. Así mesmo, a institución municipal asume a tarefa de facilitar a xestión da reubicación das vivendas incluidas no ámbito.

O Consorcio da Zona Franca será o que execute as obras de urbanización. Os viais, zonas verdes, áreas deportivas e aparcamentos previstos no proxecto de urbanización corresponderanlle ao Concello, que tamén recibirá os terreos nos que se materialice o 10% de aproveitamento urbanístico que legalmente lle corresponde.

O outro convenio asinado por Lois Castrillo con Pablo Egerique prevé a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico ante a constatación de que a súa superficie actual é insuficiente para satisfacer a demanda de empresas que desexan instalarse nel.

O equipo redactor do PXOM desenvolveu un estudio sobre as posibles áreas de ampliación identificando as seguintes:

- 76.948 m2 en Valadares, no extremo oeste do límite do PTL, a carón do vial da Universidade.
- 42.407 m2 situados ao este da Zona Industrial I do PTL, en Valadares.
- 14.158 m2 en Beade, ao este do PTL.
- 114.875 m2, en Beade, na zona coñecida como "Carto do Viño".

No convenio, Concello e Zona Franca comprométense a colaborar na ampliación do PTL nestas zonas que suman unha superficie de 248.388 m2. Para iso, o Concello tramitará unha modificación puntual do PXOU para incluir dentro do ámbito do PTL as novas áreas de ampliación.

Nas zonas citadas existen unhas 20 vivendas. O Concello comprométese a realizar as modificacións urbanísticas necesarias para habilitar nas proximidades do Parque unha área de solo onde sexa posible a reubicación desas edificacións. O sistema de actuación para executar esta ampliación será tamén neste caso o de expropiación.