Escoitar

O Concello desenvolverá un proxecto de xestión empresarial con mulleres víctimas da violencia

O alcalde, Lois Castrillo, recibiu ás participantes do II seminario "Emprego e cidadanía activa das mulleres", no que participa a Concellería da Muller. Mediante un convenio con "Ovarias", froito dun proxecto europeo, crearase unha empresa de servicios e atención ás necesidades familiares.

martes, 6 mai 2003
1052218679seminario1.jpg
Ana Gandón coas mulleres participantes no seminario internacional
A Concellería da Muller asinará un convenio de colaboración coa Coordinadora de mulleres contra a violencia "Ovarias" para a posta en marcha dunha experiencia piloto consistente na formación e capacitación dun grupo de mulleres víctimas de violencia para o desenvolvento dun proxecto de xestión empresarial.

A sociedade cooperativa denominarase "Empresa de servicios e atención ás necesidades familiares". Esta experiencia piloto consta dunha fase de formación e capacitación empresarial que lles permitirá ás participantes iniciar un proxecto nas mellores condicións posibles. A sociedade cooperativa adicarase a ofrecer un servicio de axuda a domicilio orientado ás persoas maiores, menores e atención de tarefas domésticas.

O proxecto tamén difundirá materiais didácticos da experiencia así como a publicación dunha investigación sobre o estudio de experiencias de iniciativas económicas lideradas por mulleres, que poidan ser replicables e exemplificantes.

Este programa enmárcase dentro da iniciativa comunitaria URB-AL (Europa e América latina) sendo o municipio de Sao Paulo (Brasil) quen exerce a súa coordinación ante a Unión Europea. Vigo, a través da Concellería da Muller, é un dos municipios socios deste proxecto internacional xunto a Rosario, de Arxentina; Montevideo, de Uruguay e Región Toscana de Italia.
Descargar todas as imaxes