Escoitar

O sábado abre as portas o auditorio do Centro veciñal e cultural de san Miguel de Oia

O alcalde, Lois Castrillo, e a concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, inauguran o sábado 26 de abril un auditorio que que permitirá a organización de actos culturais na parroquia de san Miguel de Oia.

venres, 25 abr 2003
O auditorio, cun aforo para 430 persoas e 420 m2 de superficie, conta cun amplo escenario. Con esta obra remátase a construcción do Centro veciñal e cultural de san Miguel de Oia cunha superficie total construída de 1.926 m2, iniciada no ano 1995, cun investimento no edificio principal de 470.410 euros financiados polo Concello de Vigo nun 66%, asociación veciñal nun 32% e Deputación de Pontevedra nun 2%.

O auditorio, sobre un proxecto dos arquitectos Tomás Pérez-Lorente e Francisco Yáñez Ulloa, comezouse a construír no ano 1996, cun investimento total de 330.394 euros financiados nun 61% polo Concello de Vigo, nun 30% pola asociación veciñal e nun 9% pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Este auditorio de 420 m2 e capacidade para 430 persoas sentadas no patio de butacas, conta cun escenario de 130 m2 que permite o desenvolvemento de actos de carácter musical, danza, teatro e conferencias contando no seu equipamento cunha ampla zona, detrás do escenario, de vestiarios con aseos e duchas e almacén.

Para a construcción exterior do auditorio utilizouse o mesmo material que no resto do edificio, granito gris Mondariz en sillería rematada na parte superior con aleiro formigonado e pintado en branco. A cuberta mantense igualmente en tella curva de país asentada sobre pranchas de fibrocemento.

As paredes interiores son de bloque sónico especial rematadas na súa parte inferior con paneis horizontais de madeira, o que reforzará as condicións acústicas do local. Este conta cun sistema de renovación de aire e calefacción vía ventiloconvectores eléctricos. As butacas instaladas son recicladas, procedentes do antigo Cine Prata.

Paralelamente ás obras do auditorio, executáronse obras de acondicionamento exterior e ampliación de aulas e escolas taller, o que facilitou o mellor funcionamento e reparto das diversas actividades a realizar, isto supuxo un custe adicional de 34.821,08 euros.