Escoitar

Baile español e tendencias contemporáneas na celebración do Día Internacional da Danza

As actuacións do Ballet Español de Murcia e da Bojnami Danza conmemoran, por primeira vez na cidade, o Día Internacional da Danza. Unha mesa redonda completa o programa de actos, organizados polo Concello en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Danza, o 29 e 30 de abril no Auditorio Municipal. O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, presentou a iniciativa como un primeiro paso cara á integración da danza na oferta cultural de calidade en Vigo.

xoves, 24 abr 2003
1051183386danza3.jpg
Carlos Príncipe e Begoña Acuña
Os espectáculos, de carácter gratuíto, combinan o baile español coas tendencias máis contemporáneas do ballet. Príncipe cualificou como teima persoal que "a danza forme parte e se consolide na programación cultural viguesa; algo xa acadado verbo dos ámbitos musical e museístico".

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Danza, Begoña Acuña, salientou que "malia non dispor dun espacio teatral axeitado ás grandes compañías na cidade, a elección das montaxes buscou a variedade". Así, as coreografías do Ballet Español de Murcia percorren o clásico español co flamenco, mentres que a interpretación do Bojnami Danza insírese nas correntes máis innovadoras.

O Día Internacional da Danza conmemórase en todo o mundo o 29 de abril. Esta data foi instituída en 1982 polo comité de Danza do Instituto Internacional de Teatro (UNESCO) por coincidir coa data de nacemento de Jean Georges Noverre, un gran revolucionario da danza do século XVIII. Céntrase cada ano na homenaxe a unha figura relevante do mundo da danza; neste ano 2003 será o coreógrafo sueco Mats Ek.

Mats Ek é fillo da coreógrafa de vangarda Birgit Cullberg, creadora do Ballet Cullberg, no 1967, e do moderno drama-ballet sueco. A extensa producción de ballets de Ek inclúe máis de vinte traballos para o Cullberg Ballet, no que iniciou a súa traxectoria profesional, entre eles, re-montaxes sensacionais dos grandes clásicos como Giselle (1982), O Lago dos Cisnes (1987) e Carme (1992). Despois de deixar o Cullberg Ballet, Mats Ek foi coreógrafo convidado para as principais compañías de ballet internacionais. Creou A Bela Durminte para o Hamburg Ballet (1996), A Sort Of para o Nederlands Dans Theater (1997) e Appartement para a Ópera de París (2000). Varios dos ballets de Mats Ek foron adaptados para a televisión, dous deles recibiron os premios Emmy.

Mats Ek tamén é aclamado polos seus traballos coreografados de teatro, Don Giovanni (1999) e Andromaque (2001) no Royal Dramatic Theatre sendo dous de eles. Coa súa última coreografía FLUKE, estreada en novembro de 2002 no Dansens Hus en Estocolmo, Mats Ek creou unha vez máis unha obra para o Cullberg Ballet, esta vez en cooperación co ensamble musical Flesh Quartet.
1051183386danza3.jpg
1051184184murcia.jpg
Descargar todas as imaxes