Escoitar

Patrimonio Histórico organiza visitas á Aula municipal de etnografía de Saiáns e ao conxunto de muíños de Gontade

A Aula municipal de etnografía amplía a súa oferta didáctica con unidades temáticas sobre a cultura tradicional mariñeira, xogos e xoguetes artesanais e o proceso de elaboración do pan.

mércores, 23 abr 2003
1051027763gontade010.jpg
Muíño de Gontade
A Concellería de Patrimonio Histórico desenvolve diferentes actuacións co obxectivo de protexer e divulgar o patrimonio etnográfico representado no conxunto de saberes, técnicas e costumes da cultura tradicional galega. Neste marco, esta concellería xestiona un equipamento singular dentro das iniciativas que veñen funcionando na nosa comunidade autónoma: a Aula municipal de etnografía (AMET).

Situada na parroquia viguesa de Saiáns, e ubicada nun inmoble rústico de propiedade municipal restaurado especificamente para acoller este proxecto, estivo adicada nos últimos seis anos de xeito monográfico á divulgación dos máis variados aspectos da cultura tradicional mariñeira. No presente ano 2003, a Aula municipal de etnografía perderá ese carácter monográfico ampliando a súa oferta didáctica con outros temas significativos da nosa cultura tradicional.

Unidades temáticas

1-A cultura tradicional mariñeira

Esta unidade temática manterase nunha das salas da aula, aumentando os elementos de interactuación e dramatización de tarefas existentes ata agora. Aspectos que poden ser traballados nesta opción son:

-Os barcos tradicionais dende a antigüidade ata os nosos días. Sistemas de construcción e vida a bordo (como se comunicaban, se orientaban, etc)

-Artes e aparellos artesanais de pesca e marisqueo. Como se fabricaban e conservaban. Como se atraía á pesca e como se localizaban os bancos de peixes ou os distintos mariscos.

-Sistemas tradicionais utilizados para conservar os peixes e mariscos.

-A cultura máxica e mítica dos nosos mariñeiros. As crenzas e os ritos no mar e na costa (como desmeigar un barco que non pesca, a viaxe ó alén, os homes mariños, como dominar os ventos e as treboadas...)

Esta unidade ten unha serie de obradoiros relacionados cos bloques temáticos que se traballan e que os visitantes realizan ó longo da actividade: orientación co uso do sebeiro, pesca con fisga, localización do tipo de pesca segundo o tipo de caladoiro, investigación sobre substancias con capacidade conservante para o pescado, etc.

2–Os xogos tradicionais e os xoguetes artesanais

Unha viaxe pola cultura lúdica das nosa xentes nenos e adultos. Ó final de actividade realizarase un obradoiro con xogos rituais e populares.

Esta unidade está ubicada noutra sala da aula e divídese en tres apartados:

-Os xogos rituais. Neste apartado explóranse as formas e significados culturais que teñen aqueles xogos e actitudes lúdicas vinculadas con determinadas festas inscritas no ciclo tradicional do ano: nadal, entroido maios, verán, magosto, etc.

-Os xogos populares. Repaso, de xeito resumido, dos modelos de entretenemento tradicional de nenos e de adultos das nosas aldeas e vilas rurais e costeiras. A relación que representa co medio natural, as fórmulas orais infantís de sorte, caza ou as técnicas de xogo son varios dos aspectos presentados.

-Os xoguetes artesanais. Aquí amósase a importancia do xoguete como tal na historia e as facturas dos diferentes artesáns con modelos e materiais tradicionais: barro, madeira, latón, etc.

3–A cultura tradicional do pan

Esta unidade temática recupera este ano a súa actividade, dividindo en dous espacios a súa oferta de actividade. Por un lado realizarase a visita ós muíños de Gontade, na parroquia de san Miguel de Oia, a dez minutos da aula. Nesta fase poderá percorrerse a exposición que sobre o ciclo cultural do pan está instalada neste conxunto etnográfico e ver como funciona un muíño de regato. Na segunda fase, xa na aula, poderase realizar un pequeno obradoiro práctico en relación cos aspectos traballados na visita a Gontade.

Os bloques temáticos que articulan esta actividade son:

-As faenas agrícolas. Vese o conxunto de traballos, técnicas e ritos presentes nos traballos no campo relativos ós cereais.

-A conservación dos cereais. Investígase verbo dos diferentes tipos de colectores tradicionais para conservar e curar a colleita de cereais. As súas formas e os seus significados máxicos.

-A muiñada. A evolución dos diferentes tipos de muíños na nosa terra. As distintas forzas e enerxías que os poñen en movementos. Como traballan e como hai que mantelos. Os costumes sociais das comunidades rurais en e cos muíños.

-A panificación. Os sistemas tradicionais de amasado e preparación do forno de leña. O conxunto de ritos e crenzas en relación con estes traballos. O pan máxico. As medidas antigas do pan.

Nos obradoiros na aula poderá mallarse, peneirar, amasar, moer a man, etc.

Visitas

A Aula municipal de etnografía funciona de luns a venres en horario de 10:00 a 13:30 e está localizada na rúa Baixada á Igrexa s/n, na parroquia de Saiáns. O seu teléfono é o 986 460 812. As visitas deben ser solicitadas con antelación chamando ó teléfono da aula para obter información personalizada. Os grupos non poden superar as 30 persoas.

Poden ir tódolos niveis de ensino dende 2º ciclo de primaria ata ciclos universitarios, así como grupos profesionais, cursos de formación non regrada e colectivos culturais ou técnicos. A Concellería de Patrimonio Histórico non se fai cargo do transporte. A entrada é totalmente gratuíta.

Durante o ano 2003 este servicio verase complementado coa edición dunha serie de trípticos en relación cos temas ofertados pola aula, así como carpetas con diapositivas e outros materiais que faciliten e apoien o traballo complementario nos centros sobre o patrimonio etnográfico.

A Aula municipal de etnografía ofrécelles tamén ós centros de ensino un servicio de orientación e consulta básico para a realización de actividades paralelas no propio centro.

Máis información: ofi.pathis@vigo.org
1051027763gontade010.jpg
1051027834aula1.JPG
1051027873aula2.JPG
Descargar todas as imaxes