Escoitar

"Case con certeza, este ano todos os solicitantes de beca de inglés terana"

Segundo explicou o alcalde, o goberno de Vigo adxudica as 750 prazas para 3º de ESO e prevé que os 16 en lista de agarda poidan obtela polas renuncias voluntarias que cada ano se rexistran. O Concello publica este mércores o listado provisional de admitidos no programa municipal "Vigo en Inglés".

mércores, 23 mai 2018
Este mércores o Concello publica a resolución provisional de aceptados e lista de agarda da edición 2018 do programa "Vigo en Inglés", que ofrece estadías de case un mes en Inglaterra para estudantes de 3º de ESO da cidade.

O Concello rexistrou un total de 766 solicitudes que cumpren cos requisitos da convocatoria, informou Abel Caballero. Só quedaron 16 alumnos en lista de agarda e, pola experiencia municipal en edicións anteriores, as renuncias voluntarias farán posible que obteñan tamén praza, co que o goberno de Vigo cubriría toda a demanda de alumnado.

"Case con certeza, este ano todos os solicitantes de beca de inglés terana", manifestou o alcalde, quen valorou o "éxito" dunha iniciativa municipal que ofrece 750 vacantes para alumnado de 3º de ESO e outras 92 para estudantes da Escola de Idiomas de Vigo, cun orzamento total próximo aos 1,9 millóns de euros. Caballero asegurou que o Concello ofrece máis bolsas de inglés que as comunidades autónomas de Madrid e Cataluña xuntas.

Política social
Na mesma comparecencia de prensa, o rexedor vigués informou de dous asuntos abordados na última Xunta de Goberno Local en materia de política social. Así, a administración viguesa aprobou o convenio de colaboración coa Asociación Alborada para levar adiante o programa "Verdear" de incorporación social a través da agricultura ecolóxica, para o que o Concello achega 10.000 euros.

A proposta, abondou Caballero, procura a mellora da calidade de vida e a incorporación social dos usuarios da Asociación, promovendo o coñecemento das técnicas de traballo da agricultura ecolóxica.

En segundo lugar, o goberno de Vigo deu conta da concesión do servizo de teleasistencia domiciliaria, un apoio que prestou en 2017 a 574 persoas. Revelou Caballero que o 91% dos beneficiarios son mulleres, o 82% viven soas, o 81% son maiores de 80 anos e o 78% son viúvas.

O alcalde vigués puxo en valor un servizo que supón acompañamento e asistencia as 24 horas do día e os 365 días do ano mediante medios telemáticos. O Concello de Vigo adica ao efecto 72.000 euros anuais.