Escoitar

Caballero urxe a construción do transvasamento de Eiras e a revisión do caudal ecolóxico

O alcalde de Vigo explicou este mércores que a Xunta aínda non puxo en marcha a obra do Verdugo a pesares de que o Concello aprobou o convenio e comprometeuse a sufragar a actuación. Abel Caballero indicou que o pasado 27 de abril remitiu unha nova carta ao presidente da Xunta.

mércores, 23 mai 2018
O alcalde de Vigo instou este mércores á Xunta de Galicia a levar a cabo o transvasamento de Eiras para garantir o abastecemento de auga en toda a comarca cando volva a rexistrarse outra época de seca. Ademais, sinalou que é necesario o axuste do caudal ecolóxico e lembrou que aínda non recibiu resposta á última carta remitida á administración autonómica sobre estes dous asuntos.

"Vigo e toda a súa contorna, cunha poboación dunhas 450.000 persoas, teñen a necesidade urxente de solucionar o abastecemento de auga, porque estamos en risco de sufrir outro episodio de seca", sinalou Abel Caballero durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

O rexedor lembrou que o Concello acordou con Augas de Galicia e a Xunta o transvasamento de emerxencia do río Verdugo, de 3,3 quilómetros e un custe de 6 millóns que sufragaría Vigo. Tamén sinalou que a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio en decembro, pero que non recibiu resposta, polo que o pasado 27 de abril remitiu unha nova carta á que tamén agarda por unha contestación.

Caudal ecolóxico
"De forma adicional expoño na carta que de xeito inmediato a Xunta ten que revisar o caudal ecolóxico, porque estamos en situación susceptible de sufrir severas secas e o caudal é disparatado", sinalou o alcalde.

Caballero explicou que no caso de que se repita un outono de poucas precipitacións tanto a cidade como a comarca poden ter problemas, polo que é preciso cambiar o nivel do caudal ecolóxico de forma inmediata. "O transvasamento xa non se pode facer para este outono, xa non da tempo, pese a que estamos dispostos a pagalo, polo que é imprescindible reducir o límite do caudal", indicou.

Solución definitiva
O alcalde tamén avanzou que é necesario estudar a solución definitiva para traer auga a Vigo e mencionou o caso da cidade da Coruña, que duplicou as súas reservas conectando a lagoa de Meirama co embalse de Cecebre. "Desde xaneiro a abril tiramos ao mar o equivalente a cinco presas de Eiras, auga hai, o que temos que ser é capaces de aumentar o seu embalsamento", explicou.

As obras levadas a cabo na Coruña permitiron á cidade pasar de 20 a 40 hectómetros de auga dispoñible. No caso de Vigo, a presa de Eiras dispón de 22 hectómetros que dan para un consumo de 7 meses.

"En decembro poderíamos estar sen auga, é un risco moi grave, non hai nada tan grave como deixar a un territorio sen auga, ofrecémonos a pagar porque sabemos da importancia. Estamos en situación de risco e a Xunta debe traballar para que Vigo e once municipios máis teñan auga", engadiu Caballero.