Escoitar

O alcalde, "orgulloso" da celebración de Navalia despois da "durísima" crise sufrida polo sector

Na inauguración, Abel Caballero felicitou á organización, aos empresarios e traballadores do sector pola celebración de Navalia este 2018 e tamén nos peores anos da crise, que o naval padeceu "dunha forma tremenda, durísima". O rexedor puxo en valor a elevada presenza internacional na Feira viguesa. <br />

martes, 22 mai 2018
1526991334navalia.jpg
Durante os peores anos da crise económica, manter a celebración en Vigo da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia) amosaba a confianza no sector ao tempo que o preparaba para a saída da crise. Por iso, Abel Caballero indicou que "estamos extraordinariamente orgullosos" do mantemento ininterrompido de Navalia, que este ano acada a súa sétima edición, polo que felicitou tanto aos organizadores como aos empresarios e traballadores do naval.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo estas declaracións durante o acto de inauguración de Navalia 2018, que tivo lugar na mañá deste martes no recinto feiral vigués de Cotogrande.

Navalia 2018 abre as súas portas no IFEVI ata o próximo xoves, 24 de maio. A Feira Internacional da Industria Naval de Vigo acolle máis de 600 marcas expositoras de 90 países e numerosas delegacións internacionais confirmadas, entre as que destacan Paraguai, Cabo Verde, Holanda (Embaixada), Arxentina, Colombia (Cotecmar) así como unha delegación da Armada Española e o pavillón de Italia. Esas delegacións formarán parte dos máis de 25.000 visitantes profesionais que espera contabilizar a organización de Navalia durante o próximos tres días en Vigo.

Ao espazo expositor, que colgou o cartel de completo hai máis de dous meses, súmanse as xornadas técnicas que arrincan tamén este martes, e que nesta ocasión chegan case a corenta, entre conferencias, mesas redondas e demostracións. Como en anos anteriores, as xornadas técnicas están orientadas á innovación e investigación, cunha clara intencionalidade de dar formación para achegar novos coñecementos e deseños para poder estar á vangarda do sector naval.
Descargar todas as imaxes