Escoitar

O Concello reforza os servizos de bus e limpeza pola Reconquista e o Celta-Dépor

O alcalde anunciou este xoves reforzos no VITRASA e na limpeza o sábado e o domingo, fin de semana na que coinciden a Reconquista e o derbi. En limpeza, o goberno de Vigo aumenta a dotación de vehículos e operarios no casco vello e en Balaídos. No transporte, o C1 amplía horarios e frecuencias, e habilítase un servizo especial para conectar Navia e a Travesía co centro.

xoves, 31 mar 2016
Abel Caballero anunciou para esta fin de semana un reforzo dos servizos de autobús e de limpeza, dado que coinciden a celebración do derbi entre o Celta e o Deportivo e a Festa da Reconquista da Vila de Vigo.

No tocante ao transporte, o sábado e o domingo o bus turístico sairá desde Cánovas del Castillo ás 12 horas e ás 16:30 horas; e o C1 Circular Centro amplía o seu servizo cunha frecuencia máxima de 10 minutos e a última viaxe será ás 22:30 e ás 22:45 horas, engadindo dúas saídas máis, xa que habitualmente conclúe media hora antes.

Tamén nas dúas xornadas da fin de semana, o autobús urbano contará ademais cun servizo especial Navia-Policarpo Sanz-Travesía de Vigo, percorrido específico para a Festa da Reconquista, cunha frecuencia media de trinta minutos. As saídas desde Teixugueiras serán entre ás 10:12 e as 21:34 horas, e desde Travesía, ás 10:49 e ás 22:16 horas. A ruta desta liña especial será a seguinte: Teixugueiras, Porriño, Baiona, Redondela, Castelao, Camelias, Paseo de Alfonso, Porta do Sol, Policarpo Sanz, Colón, Urzáiz, Travesía de Vigo-Rotonda de Aragón.

Limpeza
O alcalde vigués anunciou tamén o reforzo na limpeza da cidade, unha "mobilización importante" de vehículos e operarios para actuar no entorno do Casco Vello e do estadio de Balaídos. Para o partido de fútbol, o servizo actuará tanto antes coma despois do encontro nos viais do entorno do estadio, segundo explicou Caballero.