Escoitar

O Concello adica 14 millóns de euros a amortizar débeda e a investimentos na cidade

A Corporación Municipal aprobou na sesión deste mércores dúas modificacións de crédito: unha para amortizar 7 millóns de débeda municipal con cargo ao superávit e outra para facer fronte a investimentos en humanizacións e nas obras da grada de río do Estadio de Balaídos por unha contía total de 7.100.000 euros, empregando unha parte do remanente da liquidación dos orzamentos de 2015.

mércores, 30 mar 2016
Cos votos a favor do grupo municipal socialista e do grupo popular e o voto en contra de Marea de Vigo, a Corporación deu luz verde na sesión deste mércores á modificación de crédito para a amortización de 7 millóns de euros de débeda con cargo ao superávit do Concello.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo que nos últimos catro anos o goberno municipal foi quen de amortizar máis de 44 millóns de débeda bancaria pechando "todos os exercicios con remanente de tesourería, cumprindo os prazos de pago a provedores e mantendo a presión fiscal máis baixa das cidades galegas, co maior nivel inversor por habitante" e engadiu que con esta decisión se pode "destinar o diñeiro público á cidadanía viguesa e non aos bancos".

Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo criticou que se amortice a débeda "cando hai partidas de gasto social que non se invisten" e pediu ao goberno que "reconsidere se a emerxencia da cidade é dicir que existe débeda cero ou cubrir socialmente a cidade".

Para a voceira popular, Elena Muñoz, os 22 millóns de euros de superávit das arcas municipais "son unha lousa na conciencia" do goberno municipal xa que "a lei de teito de gasto non lle permite gastalo e deben amortizar o que non gastaron en 2015".

Financiamento para humanizacións e Balaídos

O Pleno do Concello tamén aprobou hoxe, co apoio de PSOE e PP e o rexeitamento de Marea de Vigo, unha modificación de crédito por unha contía de 7.100.000 euros para facer fronte a varios investimentos coa finalidade de aplicar unha parte do superávit correspondente á liquidación do Orzamento do ano 2015. Así, a modificación orzamentaria estipula un crédito extraordinario de 5 millóns de euros para a realización de obras de humanización nas rúas Castelao, Estorniño, Camelias (entre a rúa Marañón e Juan Ramón Jiménez), Álvaro Cunqueiro e Vía Norte (entre Travesía e Escultor Gregorio Fernández); e un suplemento de crédito de 2.100.000 euros para as obras da grada de río no Estadio Municipal de Balaídos.

Dende Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que o Concello dedique o superávit ás humanizacións que "non consolidaron ningún emprego" e non a máis cheques sociais, e, dende o PP, Elena Muñoz, referiuse á "xestión lamentable" do goberno local pola súa incapacidade de executar o orzamento. Mentres o edil de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu as obras na cidade como "un motor de emprego" e de xeración de actividade económica.