Escoitar

O Pleno solicita que a Lei de Área Metropolitana inclúa o tratamento de Vigo como capital de provincia

Os votos do PSOE e Marea deron luz verde a unha moción solicialista na que se insta á Xunta a que inclúa na modificación de Lei de Área Metropolitana o tratamento de Vigo como capital de provincia. Tal e como defendeu o concelleiro Carlos López Font, esta inclusión foi un dos acordos acadados durante as reunións cara á modificación desta norma.

mércores, 30 mar 2016
Co visto bo do PSOE e de Marea e a abstención do PP, o Pleno do Concello aprobou na sesión desta mañá unha moción na que se solicita á Xunta a que na modificación da Lei de Área Metropolitana figure Vigo cun tratamento similar ao dunha capital de provincia. Concretamente, e tal e como se acordou nas diferentes reunións que se mantiveron para sacar adiante esta modificación, a cidade de Vigo, como capital da Área Metropolitana, terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos por parte das distintas administracións. Segundo explicou o concelleiro Carlos López Font, esta cuestión non foi atendida no último texto de modificación que remitiu a Xunta aos diferentes concellos.

Noutra das mocións que recibiron luz verde esta mañá, nesta ocasión cos votos de PSOE e PP, ínstase ao Ministerio de Fomento a acelerar ao máximo os trámites para licitar a obra da variante por Cerdedo da liña ferroviaria de alta velocidade. O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento instou ao Goberno Central a cumprir de xeito inmediato os compromisos asinados no seu día, para que as obras comecen antes de 2017 e conclúan dos anos despois. O grupo político da Marea abstívose na votación dun texto que lembra o impacto negativo que ten no sur de Galicia a falta desta infraestrutura.

Ademais, a Corporación aprobou unha moción do grupo socialista, cos votos favorables de Marea de Vigo e a abstención dos populares, demandándolle á Xunta un fondo nos seus orzamentos para que os concellos poidan seguir atendendo ás vítimas de violencia de xénero, de maneira que se acaden os 100 millóns de euros no prazo de catro anos e, ao mesmo tempo, instando ao Goberno central a un gran pacto de Estado que aglutine a todas as forzas políticas para adoptar medidas eficaces e orzamentarias para combater esta lacra.