Escoitar

Manifesto do Consello Municipal da Muller ante o 8 de marzo día internacional da Muller

Na sesión plenaria celebrada hoxe luns, intervino Rosa Fontaiña en representación do Consello Municipal da Muller para dar lectura do manifesto do 8 de marzo Día Internacional das Mulleres que se celebrará baixo o lema " Pola defensa dos dereitos sexuais, reprodutivos e aborto". Entre outros aspectos o manifesto reivindica a retirada do anteproxecto de lei que "atenta contra os dereitos das mulleres, contra a nosa autonomía,contra a nosa liberdade, contra a nosa saúde, vida e dignidade"

luns, 24 feb 2014
Manifesto do CMM de Vigo ante o 8 de marzo día internacional da Muller

Neste 8 de marzo todas as mulleres queremos expresar á cidadanía e ao Goberno o noso rexeitamento a un anteproxecto de lei en contra do dereito ao aborto, da capacidade de decisión das mulleres, en contra da igualdade, en definitiva, da nosa autonomía e da nosa maioria de idade!

Somos capaces de decidir sobre a nosa vida. Nin un goberno misóxino e retrógrado, nin o poder relixioso que intervén de forma inquisitorial nas decisións políticas, nos farán renunciar aos nosos dereitos: as mulleres e os homes solidarios non imos consentir o retorno aos tempos de silencio, de medo; non estamos dispostas, temos a enerxía e a vontade de berrar, de loitar, de manter a esixencia dun modelo de sociedade de iguais onde se respecten os dereitos humanos das mulleres.

As galegas levamos anos rexeitando a ofensiva patriarcal dos diferentes gobernos e o recrudecemento do machismo nas institucións nas que gobernan. En Galicia comezaron pola eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivo-sexual, o desmantelamento dos COF, poñendo impedimentos para acceder a métodos contraceptivos, e coa posta en marcha da retrógrada Lei de apoio á familia e á convivencia aprobada polo Goberno de Galiza no ano 2011, que pretende instaurar o control alleo sobre o noso corpo e sexualidade.

Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflexa en que sexamos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas, tanto en Galiza como no estado, foron as que traballaban pola igualdade, información e protección ás mulleres. Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máis extrema: o número de mortas por violencia machista. Como é posible que, nesta realidade, se eliminen as políticas de igualdade e educación sexual?

Co anuncio da contrarreforma da lei do aborto, o 90 % das mulleres que abortan agora terán que facelo de forma «ilegal»; as que teñan recursos económicos sairán ao estranxeiro e as que non, arriscarán a saúde e a vida recorrendo a un aborto clandestino. Ademais, a isto sumarase a inseguridade e a vulnerabilidade xurídica do colectivo de profesionais da sanidade.

Di o Goberno que o seu anteproxecto de lei se basea ante todo na defensa da vida. O mesmo goberno que impoñe políticas laborais inxustas, que recortan o acceso ás escolas infantís, que negan a ampliación do permiso de paternidade e lles dificultan a todas as mulleres o acceso á reprodución asistida. Dino os gobernos que eliminan servizos sociais básicos, que recortan en dependencia e sanidade, que empurran gran parte da cidadanía á pobreza.

E ante isto podemos preguntarnos: de que vida falan cando falan da vida?

Reclamarmos o dereito ao aborto libre significa que non se poida forzar unha muller a proseguir cun embarazo non desexado nin cuestionar a súa decisión de interrompelo. O dereito a tomar esta decisión afiánzanos ás mulleres como suxeitos moralmente autónomos para decidirmos sobre as nosas vidas, sobre os nosos corpos e sobre a maternidade: nosoutras podemos e debemos decidir ser nais ou non o ser.

O dereito ao aborto non é unha decisión política, nin relixiosa, é unha opción persoal, unha decisión que só ten que tomar a muller que o quere levar a cabo. Sen influencias nin manipulacións de ningún tipo, nin sequera das persoas máis achegadas a ela. Esquecemos que os gobernos non son máis que os xestores da cidadanía, que están baixo a autoridade das persoas. As súas políticas levaron a cabo sistemas que non fixeron outra cousa que intentar doblegar a todas as persoas para que cumpliran as súas leis e poder acumular máis poder. Este 8 de marzo reivindicamos o poder da cidadanía co fin de parar este anteproxecto de lei que relega ás mulleres a séculos atrás, séculos onde estábamos relegadas á casa, á familia. Antes empregaban unha violencia máis esplícita, agora empregan leis e cauces legais para impoñer, pero sobretodo para exercer tortura contra nós. Con qué dereito nos obrigan a levar a cabo un embrazado non desexado? Pero sobretodo, que modelos e exemplos de comportamento democrático, libre e respectuoso están ofrecendo á mocidade ou ó resto de países europeos?

A maioría dos países europeos teñen lexislacións que permiten a libre decisión das mulleres durante un período da xestación. Outros, como o Reino Unido, admiten indicacións tan amplas que, na práctica, implican o respecto á libre decisión das mulleres.

Queren impoñer un modelo de sociedade no que a vida das mulleres ten como obxectivo a maternidade, considérannos incapaces de tomarmos decisións por nós mesmas, coidan que necesitamos protección, tutela e axuda a perpetuidade para decidirmos sobre a nosa vida e sobre a nosa maternidade.

Estannos roubando, de xeito planificado, algo tan elemental como o noso dereito a dirimir un asunto sobre o que debemos ter a derradeira e fundamental palabra. No anteproxecto, a autonomía das mulleres desaparece borrada de vez, queda sempre a expensas do que outros decidan por nós.

Dende o CMM de Vigo Esiximos a retirada inmediata deste anteproxecto de lei que atenta contra os dereitos das mulleres, contra a nosa autonomía, contra a nosa liberdade, contra a nosa saúde, vida e dignidade.