Escoitar

O Concello pide á Xunta inversións no Casco Vello e ampliar o Conservatorio e o túnel de Beiramar

Sendas mocións presentadas polo grupo socialista, aprobadas pola unanimidade da Corporación, reclaman do goberno autonómico a ampliación do Conservatorio de grao medio de música de Vigo e do túnel de Beiramar, comprometido pola Xunta en 2010. Ademais, o goberno local solicitoulles os 3,6 millóns anunciados para rehabilitar a fachada do Berbés.

luns, 24 feb 2014
O Pleno da Corporación apoiou por unanimidade tres mocións presentadas polo grupo de goberno reclamando á Xunta de Galicia as ampliacións do Conservatorio de gran medio de música de Vigo e do túnel de Beiramar, ademais da modificación das contas da Xunta para adicar 3,6 millóns de euros ao Consorcio do Casco Vello para acometer a rehabilitación da fachada do Berbés.

Sobre esta última cuestión, os socialistas recordaron o anuncio do conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, comprometendo catro millóns de euros para a recuperación da fachada do Berbés, dos que a Xunta achegaría o 90% e o Concello os 400.000 euros restantes. O texto explica que nas contas de 2014 da Xunta de Galicia non figura a nomeada partida e o orzamento do Consorcio do Casco Vello carece de investimento real, polo que pide ao goberno autonómico a incorporación desta partida. A petición do PP, o acordo adoptado tamén solicita unha reunión específica do Consorcio para abordar este tema.

No tocante ao túnel de Beiramar, o Pleno da Corporación tamén apoiou a iniciativa socialista de instar á Xunta de Galicia e a autoridade portuaria de Vigo a "desbloquear" a ampliación desta infraestrutura, comprometida polo executivo presidido por Núñez Feijóo no ano 2010, "data na que anunciou a redacción do proxecto". Unha engádega proposta polo grupo popular, tamén respaldada por unanimidade, demanda a modificación do anteproxecto de ampliación de xeito que "o seu trazado non afecte ao normal desenvolvemento das actividades das industrias ubicadas na zona nin aos demás usuarios do Porto de Vigo".

Por último, otra moción impulsada polo grupo socialista solicita á Consellería de Educación a ampliación do Conservatorio de grao medio, que no presente curso cumpre dez anos e presenta unha demanda superior á oferta, quedando solicitantes sen praza. O acordo pide á Xunta amplialo e, mentres non se execute, a creación dunha extensión do Conservatorio Profesional "nalgún dos centros educativos públicos da cidade en horario vespertino non coincidente co do centro elixido".