Escoitar

A Xunta de Galicia rexeita os obradoiros de emprego propostos por Emprego

xoves, 28 nov 2002
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández, criticou o ”escandaloso trato desigual que o Concello de Vigo recibe da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Mediante documentos comparativos, elaborados froito dunha investigación debido á opacidade informativa na concesión de subvencións, Fernández explicou a discriminación existente en Vigo por parte desta consellería.

”A Consellería non fai públicos os proxectos e subvencións concedidos”, dixo o concelleiro. O Concello de Vigo presentou este ano no mes de xaneiro o proxecto da Escola Taller Mar de Vigo para a recuperación de embarcacións tradicionais e no mes de setembro o Obradoiro Vigozoo. ”Non obtivemos resposta, nin concedeu nin denegou estes proxectos”, sinalou. Sen embargo, na cidade de Vigo outorgáronse dous talleres a entidades privadas como Érguete e Ibermutuamur.

Esta política de emprego autonómica contrasta coa estratexia europea de promoción de programas de inserción laboral executados a través das entidades locais. Neste sentido, a Xunta de Galicia aposta pola subordinación dos concellos e o centralismo, segundo explicou Fernández. ”O descenso notable e progresivo das subvencións concedidas ao Concello de Vigo son un exemplo desta política”, afirmou o edil.

A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego non se acolleu ao programa Labora, nacido da promesa de ofrecer un primeiro emprego aos mozos galegos, debido ao alto custo que ocasionarían estas contratacións posto que os salarios do Plan Municipal de Emprego calcúlanse segundo o convenio suscrito cos sindicatos para evitar os denominados contratos-lixo e fomentar o traballo digno. O custo medio salarial de cada traballador suporíalle ao Concello de Vigo 900 euros mensuais.