Escoitar

Vigo prepárase para manifestar a súa solidariedade cos enfermos da Sida

xoves, 28 nov 2002
imx2061.jpg
Márquez, Sío e Bouzas
O Día Mundial da Sida, 1 de decembro, está convocada unha concentración fronte ao Museo de Arte Contemporánea na que se realizará un lazo humano en solidariedade cos infectados co VIH. A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presentou os actos e leu un manifesto co lema ”Estigma, dereitos humanos, vive e deixa vivir”.

O coordinador do grupo de autoapoio VIH/Sida e Adiccións ”O Imán”, da UAD do Concello de Vigo, Antón Bouzas, explicou que nesta edición fomentarase o uso do preservativo no contorno familiar. Na carpa da Sida, situada na rúa do Príncipe, estarán o domingo 1 de decembro de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 para repartir material informativo do Plan Galego da Sida e do Ministerio de Sanidade e Consumo. Repartirase tamén material de elaboración propia dentro do programa ”Preservativos no contorno familiar” e entregaranse envases con preservativos e un folleto para o seu uso correcto. A ”avoa Prudencia” será o personaxe elixido para darlles aos netos sabios consellos para non enfermar. Todo o material distribuído é gratuíto e non se recollen donativos nin axudas económicas.

O domingo 8 de decembro participarán antes do comezo do partido de fútbol en Balaídos portando unha pancarta co lazo vermello da Sida mentres se le por megafonía unha reflexión sobre a enfermidade.

En 2001 morreron 3 millóns de persoas enfermas de Sida e, na actualidade, hai 40 millóns de infectados no mundo. Calcúlase que o 61% contraeron a doenza a través de material de inxección. En Galicia diagnosticáronse 2.900 casos de Sida desde 1984, dos que xa faleceron o 50%
Descargar todas as imaxes